A Escola de Karate Dokkodo inicia este mes de setembro a nova tempada 2025-2026 cun programa de xornadas de portas abertas en Ames. As actividades desenvolveranse en Bertamiráns e en Bembibre de luns a xoves e permitirán que persoas de todas as idades poidan achegarse por primeira vez ao karate, sen necesidade de contar con experiencia previa.
Na Casa da Cultura de Bertamiráns, as sesións estarán organizadas por idades e niveis. Os luns e mércores, de 18.00 a 19.00 horas, haberá clases para alevín e infantil, mentres que de 19.00 a 20.00 horas será a quenda de xuvenís e cadetes. Para adultos a partir dos 16 anos, a programación desenvolverase os martes e xoves de 19.00 a 20.00 horas. Ademais, os xoves de 17.00 a 17.50 horas celebrarase unha quenda especial de karate de iniciación para nenos e nenas de 4 a 7 anos.
No ximnasio de secundaria do CPI de Bembibre, o club ofertará karate infantil os luns e mércores de 18.00 a 18.50 horas.
As prazas son limitadas e xa está aberto o prazo de inscrición. As persoas interesadas poden anotarse a través da ligazón habilitada pola escola. Tamén é posible solicitar información nos teléfonos 696 677 311 e 609 043 664, no correo electrónico karatedokkodo@gmail.com ou a través das redes sociais oficiais do club, tanto en Facebook como en Instagram.