Este xoves, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, a Cidade da Cultura estrea unha intervención que transforma a súa icónica arquitectura nunha metáfora visual das nosas contradicións máis contemporáneas. Baixo o título Plastic biontes, o prestixioso colectivo Basurama viste as dúas Torres Hejduk cunha nova pel feita de refugallos plásticos, propoñendo unha insólita simbiose entre o natural e o artificial.
A intervención, que se enmarca na programación Gaiás en Verde, unha liña de acción que promove o desenvolvemento dunha conciencia medioambiental sólida a través da arte e a creatividade, é a primeira incursión de Basurama en Santiago de Compostela e a súa terceira en Galicia tras Amar o mar (2017) e Huellas (2015), ambas desenvolvidas na Coruña.
Plastic biontes propón un diálogo entre dous conceptos aparentemente opostos: a cidade futurista do Gaiás e a urbe histórica de Santiago de Compostela. Entre elas, o fío condutor é o lixo, elevado aquí á categoría de ferramenta creativa e crítica.
A través da intervención, as Torres Hejduk mimetízanse en corpos vivos, esvaecendo os límites entre arquitectura, arte e bioloxía. O plástico, símbolo por excelencia das nosas dinámicas de consumo, convértese en materia viva, en textura estraña que xera preguntas e invita á reflexión. O proxecto pensa na noción de patrimonio desde o residuo, en clave de adaptación, colaboración e resiliencia: que herdará o futuro das nosas accións presentes?
Fundado en 2001, o colectivo Basurama leva máis de dúas décadas transformando residuos en cultura. O seu traballo, recoñecido con galardóns como o Premio Artista Comprometido da Fundación Daniel e Nina Carasso ou o Curry Stone Social Design Circle, combina arte, arquitectura e activismo para xerar novas formas de relación coa contorna.
Ao longo da súa traxectoria, Basurama ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 40 países, colaborando con institucións como o Museo Reina Sofía, a Casa Encendida ou o Victoria & Albert Museum. O seu enfoque multidisciplinar materialízase en obradoiros, instalacións, relatorios, accións efémeras e publicacións, consolidándose como unha das referencias internacionais no uso artístico e crítico do refugallo.
Agora, con Plastic biontes, Basurama convida á cidadanía a mirar con outros ollos a pegada que deixamos, e a imaxinar escenarios futuros nos que o plástico non sexa simplemente un residuo, senón parte dun novo diálogo coa natureza. Unha chamada, en definitiva, a pensar —e sentir— o noso tempo a través dos materiais que deixamos atrás.