Aspas: medio século loitando polos dereitos das persoas con discapacidade intelectual desde Santiago

Esta asociación naceu no ano 1967 co obxectivo de crear un colexio de educación especial e derivou no que hoxe é un espazo no que desenvolver actividades diversas e gañar en autonomía, formado por un centro ocupacional, un centro de día e unha residencia
Aspas: medio século loitando polos dereitos das persoas con discapacidade intelectual desde Santiago
Entrada á Asociación Aspas, en San Marcos

Nestes tempos convulsos nos que a violencia, a intolerancia e a discriminación están á orde do día, o labor das persoas que loitan pola protección dos dereitos humanos e o benestar da sociedade en xeral revalorízase. Santiago é referente en integración, grazas ás múltiples iniciativas que se desenvolven na cidade en favor da solidariedade. 

 

Desde o 1967, Aspas é unha desas asociacións imprescindibles. A súa orixe foi froito dun grupo de pais e nais de persoas con discapacidade intelectual que demandaban a creación dun colexio de educación especial no que os seus fillos puidesen formarse e desenvolvérense. Así, lograrían poñer en funcionamento a escola ‘Nuestra Señora de la Piedad’ que ten a súa continuación desde 1975 no Centro de Educación Especial da Barcia, en activo actualmente.

 

 

Logrado o obxectivo da escolarización, Aspas céntrase desde mediados dos setenta unicamente nos usuarios adultos, que afrontan outras dificultades vencelladas coa procura de emprego. Nas instalacións do palacete de San Roque inaugurarían o seu centro ocupacional, que no 1998 se trasladaría a San Marcos onde tamén se construiría un centro de día. Desde ese momento e ata hoxe é aquí onde se atopa a sede da asociación Aspas. 

 

En Diario Compostela quixemos coñecer de primeira man o día a día dos 66 usuarios que acoden ao centro ocupacional. Chama a atención a variedade de actividades que realizan diariamente, todas elas cun fin social. En función dos intereses de cada un, os usuarios poden alternar entre participar nos obradoiros de manipulado, nos que montan carpetas ou calendarios, o de cestería, o de abelorios, o de pezas (centrado no empaquetado e etiquetado de conectores e interruptores) e o de xardinería e horticultura

 

As persoas que integran os talleres reciben unha gratificación económica mensual en función, sobre todo, do seu esforzo e actitude de cara ao traballo. Os produtos que elaboran teñen como finalidade ou ben a distribución a empresas (caso da embalaxe de enchufes) ou a venda a particulares, en comercios e directamente no posto que a asociación ten no Mercado de Abastos e que abre todos os sábados. As xoias elaboradas con resina e os produtos frescos e de proximidade espertan un grande interese entre os clientes. 

 

Invernadoiro aspas
Aspas conta con varios invernadoiros nos que cultivan produtos que despois venden na praza de Abastos

 

Asemade, hai un produto que sae dos talleres de Aspas que está na meirande parte dos fogares galegos, aínda que un non sexa consciente. Desde hai máis de 20 anos os usuarios do obradoiro de manipulado son os encargados de empaquetar as carpetas que inclúen as cartillas de saúde infantil dos acabados de nacer. 

 

Taller aspas cestas
Interior dun dos talleres de Aspas

 

Desde o ano 2005 funciona en Aspas o centro especial de emprego, unha iniciativa para promover o emprego das persoas con discapacidade intelectual da asociación que non conseguen un traballo nunha empresa ordinaria. O centro, sen ánimo de lucro, dedícase entre outros labores á xardinaría. Os usuarios de Aspas levan o mantemento do paseo do río Sarela e de varias zonas verdes do Concello, así como xardíns de particulares. Tamén traballan nun servizo de lavandería, de limpeza, e en actividades de mantemento do centro de razas equinas autóctonas de Galicia. 

 

 

Amais de todo isto, os integrantes do centro ocupacional participan en actividades de ocio entre as que destacan a natación, o baile, o sendeirismo (todos os anos realizan o Camiño de Santiago, este ano farán o inglés desde Ferrol) e o teatro

 

Peter, volamos!!!

 

‘Peter, volamos!!!’ é o nome da representación teatral que cada ano ofrecen os usuarios da asociación Aspas en diferentes puntos de Galicia. Todos os martes pola tarde e mércores pola mañá realizan ensaios para perfilar a obra e renovala con cada nova posta en escena. 

 

Javier García Sánchez, xerente da asociación Aspas, destaca o potencial desta ferramenta para a mellora das habilidades sociais das persoas con discapacidade intelectual, xa que se traballan diferentes compoñentes como a dicción, a memoria e mesmo a coordinación, xa que Peter, volamos!!! é un musical onde a música e o baile adquiren un papel fundamental.

 

Xerente aspas
Javier García Sánchez, xerente da Asociación Aspas

 

O impacto do teatro nos usuarios de Aspas é tal que permitiu descubrir novos talentos entre a súa nómina de actores: “temos unha rapaza, Alba Chao, que vén de dar o salto ao teatro profesional. De ‘Peter, volamos!!!’ pasou tamén a formar parte no espectáculo de teatro inclusivo ‘Nada se sabe’, estreado na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia”, explica.

 

A nosa usuaria Alba Chao vén de dar o salto ao teatro profesional, formando parte do espectáculo de teatro inclusivo ‘Nada se sabe’ estreado na Mostra de Teatro de Ribadavia

 

O grupo de teatro, que terá a súa próxima actuación o 20 de setembro en Narón, está comandado por un profesor xubilado, un dos 20 voluntarios que prestan apoio e axuda á asociación de maneira desinteresada. 

 

Teatro aspas
Durante un ensaio da obra de teatro 'Peter, volamos!!!'

 

A maiores do teatro, os usuarios gustan de participar noutras actividades culturais coma o Entroido, onde cada ano conseguen algún premio. Desta volta, os composteláns que asistisen ao tradicional desfile puideron velos representando a ficción do Señor dos Aneis. 

 

Servizo integral

 

Son moitas, por tanto, as oportunidades que se abren ás persoas con discapacidade intelectual cando forman parte da asociación Aspas. Tamén dispoñen dun servizo de centro de día para aquelas persoas que vén as súas capacidades aínda máis limitadas, nas que participan en actividades básicas como a preparación da mesa para a hora de comer e a elaboración do café nos descansos.

 

Máis alá do centro ocupacional e o centro de día, en San Marcos tamén dispoñen de vivendas comunitarias nas que conviven 24 persoas día e noite: “neste espazo os usuarios gañan en autonomía ao encargárense eles mesmos de realizar as actividades domésticas e sociais, sempre co apoio dos seus coidadores”. 

 

Coas vivendas comunitarias os usuarios gañan en autonomía ao encargárense eles mesmos das actividades domésticas e sociais, sempre co apoio dos seus coidadores

 

Internas tamén están as persoas do centro residencial Juan Vidán Torres, inaugurado en 1985 en Laraño. Nesta residencia, cuxas prazas son de titularidade pública igual que as do centro de San Marcos, os residentes realizan actividades do día a día e participan da vida social. 

 

A asociación Aspas é exemplo de integración e solidariedade. Cos seus case 60 anos de historia segue a prestar un servizo esencial e consolídase como referente en Compostela. Relevante é poñer en valor o traballo que os seus 90 traballadores e voluntarios realizan diariamente co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual.

Aspas: medio século loitando polos dereitos das persoas con discapacidade intelectual desde Santiago

Te puede interesar