Non todas as despedidas son tristes, aínda que iso é, precisamente, algo que din os que se despiden. Os que quedamos na estación de tren dicindo adeus coa man e mirando como os vagóns se difuminan no horizonte temos unha sensación moi diferente.
O eido do podcast en galego está hoxe de loito. Tras catro anos de traxectoria, o xa mítico Café Derby 21 decide enterrar o seu proxecto. Non obstante, a morte non é o final do camiño. Só desaparece quen se esquece, e non semella que as emocións que Nicolás, Carme e Adrián nos fixeron sentir no último lustro vaian marchan con facilidade.
Con todo, quen queira participar no ‘sepelio’ do programa poderá facelo hoxe ás 19.30 horas no Riquela Club de Compostela, que acollerá a última conversa dun dos formatos en galego máis lonxevos de internet.
Cal é o motivo detrás do final de Café Derby 21?
Non hai un motivo especial. En xeral, pensamos que o formato está canso, e nós tamén con el. Pareceunos boa idea e preferimos dar morte prematura ao proxecto antes de que nos matasen. Ademais, queremos despedilo ao grande coa xente. Con todo, non pechamos a porta á posibilidade de volver, aínda que por agora non nos comprometemos.
Que é o que máis orgullosos vos fai sentir deste proxecto?
A xente que nos escoita. Cando comezamos non sabiamos cal podería ser o noso público potencial, pero acabamos levando unha sorpresa polo cariño que nos dan e o fieis que son.
“Os podcast en galego xa existían. Non os inventamos, pero consolidamos a un público que non escoitaba este tipo de conversas culturais, e iso foi como romper unha barreira”
Catro anos dan para moitas historias. Podedes destacar algunha anécdota interesante?
Cando fixemos o programa con Matías e Samuel, de The Rapants. Non nos coñeciamos e acabamos tendo unha conversa moi fonda. Tanto, que parecía unha sesión de terapia. Ao final da gravación, incluso, quedamos un bo anaco máis falando entre nós.
Que foi o máis complicado de desenvolver este proxecto?
A parte técnica. Non tiñamos nin idea de audio ou de son, así que tivemos que aprender polo camiño.
Por último, podedes deixar unha mensaxe para os vosos seguidores?
A mensaxe é de agradecemento total. Nunca imaxinamos que tanta xente nos escoitaría e, sobre todo, con tanto cariño. Ao final, o Café Derby somos nós; tres amigos que se queren moitísimo e que levan o proxecto consigo alá onde van. Calquera que se tome algo con nós poderá formar parte dun dos nosos programas, porque é o que é.