A Catedral de Santiago que construíron os ingleses á beira do Támesis

En Londres atópase St. James Garlickhythe, un misterioso templo erguido no século XII como solución para os fieis londinienses que non podían visitar os restos do apóstolo Santiago o Maior en Compostela
A Catedral de Santiago que construíron os ingleses á beira do Támesis
Exterior de St. James Garlickhythe

Londres, unha das cidades con máis historia do Vello Continente, agocha entre os seus edificios unha curiosa conexión co Camiño de Santiago. A igrexa de St. James Garlickhythe, situada a escasos metros da beira do Támesis, non só debe o seu nome ao apóstolo Santiago o Maior (James), senón que tamén forma parte dunha ruta de peregrinación que remata na Catedral de Santiago de Compostela.

 

Unha pequena Compostela en Londres

A primeira referencia documentada a St. James Garlickhythe data do século XII, cando aparece mencionada nun testamento como ecclesiam Sancti Jacobi. Nela, descríbese como un templo cuxo principal obxectivo é achegar a figura do patrón de España á capital inglesa. Cómpre, así mesmo, destacar que era unha época marcada polas tensións entre o cristianismo e a Coroa británica. De feito, esta relación chegou a un punto de convulsión máxima co enfrontamento entre o rei Henrique II e o arzobispo Thommas Becket, que acabaría asasinado no 1170.

 

Placa cunha cuncha no exterior da igrexa, simbolo de Santiago o Maior
Placa cunha cuncha no exterior da igrexa, símbolo de Santiago o Maior

 

Con todo, a pesar deste contexto tan complexo, Santiago tiña moitos devotos en Londres. Eran tantos os fieis que, ante a demanda social e a ausencia de templos dedicados ao santo, a construción desta igrexa era unha auténtica necesidade. Especialmente, tendo en conta a imposibilidade de moitos cristiáns locais para visitar Compostela, a verdadeira terra do Apóstolo. 

 

 

Noutras palabras, xa que os londinienses non podían traer Compostela a Londres, decidiron facer a súa propia Catedral.

 

Santiago e o allo: unha igrexa entre o sagrado e o mercantil

O seu nome ten unha dobre referencia: por unha banda, ao santo ao que está dedicada, Santiago o Maior (James) e, por outra, ao comercio de allo (garlic) que se realizaba nos peiraos próximos ao Támesis, coñecidos como hythe na Idade Media. Con todo, ao longo da súa historia a igrexa tamén foi coñecida con outros nomes, como St. James in the Vintry ou St. James super Ripam, facendo referencia á súa localización preto do comercio do viño e da ribeira do río.

 

A relación da igrexa co mundo mercantil non se limita á súa denominación. Durante séculos, St. James estivo estreitamente ligada a gremios como os comerciantes de viño ou os carpinteiros, que tiñan na igrexa un lugar de referencia. En 1326, o shériff e comerciante de viño Richard de Rothing financiou unha das súas primeiras reconstrucións. Máis adiante, no século XIV, a Confraría dos Carpinteiros (Joiners' Company) estableceu nela a súa sede relixiosa.

 

Un selo londiniense no Camiño

Aínda que poida sorprender, St. James Garlickhythe ten un papel dentro do Camiño de Santiago. Como parte da tradición xacobea en Inglaterra, os peregrinos que visitan a igrexa poden obter o selo da súa Compostela ou pasaporte de peregrino, un documento que certifica o percorrido dos camiñantes ata Santiago.

 

Interior do templo
Interior do templo

 

Esta vinculación con Santiago reflicte a importancia que a peregrinación tiña na Idade Media, cando moitos fieis británicos emprendían a viaxe ata Galicia. Moitos deles facíano a través de rutas que incluían Londres como punto de paso antes de cruzar o Canal da Mancha cara a Francia, onde enlazaban coas vías tradicionais do Camiño.

 

 

Unha reconstrución tras o Gran Incendio

A igrexa sobreviviu a varios accidentes ao longo dos séculos. O máis significativo foi o gran incendio de Londres de 1666, que devastou gran parte da cidade. A pesar de aguantar en pé, decidiuse darlle unha reforma que comezou en 1676 e finalizou en 1683, seguindo o estilo barroco característico do arquitecto Christopher Wren, responsable tamén da emblemática Catedral de San Paulo. Porén, a torre do templo non se completou ata 1717, grazas ao traballo de Nicholas Hawksmoor.

 

St James Garlickhythe, coa cupula da catedral de San Paulo ao fondo
St James Garlickhythe, coa cúpula da catedral de San Paulo ao fondo. Fotografía do ano 1896

 

St. James tamén foi testemuña doutros episodios históricos. Durante a Segunda Guerra Mundial, en maio de 1941, unha bomba alemá perforou o tellado e quedou incrustada no chan sen explotar. En agradecemento pola salvación da igrexa, instaurouse o coñecido Sermón da Bomba, que se celebra anualmente.

 

Unha das placas no interior da igrexa
Unha das placas no interior da igrexa. Explica que o templo sufríu danos nos anos 1940 e 1941 e que os traballos de rehabilitación remataron no 1963, grazas á intervención do obispo de Londres

 

Os fieis teñen claro que a capacidade deste pequeno templo para resistir aos envites de conflitos e accidentes de tal magnitude está intimamente ligada á protección do Apóstolo Santiago.

 

Unha igrexa que resiste o paso do tempo

Aínda coa diminución da poboación residente en Londres no século XIX e da demolición de numerosas igrexas baixo a Union of Benefices Act de 1860 (unha lei que tiña como obxectivo reducir o número de templos relixiosos), St. James logrou sobrevivir, probablemente grazas aos seus vínculos cos gremios. 

 

No século XX enfrontouse a novas dificultades, como os danos sufridos durante os bombardeos da Segunda Guerra Mundial e, máis recentemente, en 1991, cando o brazo dun guindastre caeu sobre a súa fachada sur, obrigando a unha nova restauración.

 

Hoxe, St. James Garlickhythe segue en pé como testemuña de séculos de historia e como un recordatorio da conexión entre Londres e Santiago de Compostela. Para os picheleiros que percorren Europa, atopar esta igrexa no corazón da capital británica supón unha descuberta inesperada, un elo entre dúas cidades separadas por miles de quilómetros pero unidas pola devoción a Santiago o Maior.

 

Ao final desta noticia, incluímos un vídeo no que se explica visualmente esta conexión entre St. James Garlickhythe e Santiago:

 

 

A Catedral de Santiago que construíron os ingleses á beira do Támesis

Te puede interesar