O Museo do Pobo Galego viviu unha xornada moi especial ao reunir, arredor da figura de Salomé de Maroxo, a catro xeracións da súa familia e tamén boa parte das integrantes do grupo De Ninghures nun encontro que encheu de emoción e música a esta institución compostelá.
Salomé de Maroxo foi unha das informantes da investigadora Dorothé Schubarth, e as pezas que ela lle transmitiu forman parte do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo. Eses cantos tradicionais non só alimentan a actividade didáctica da entidade, senón que tamén chegaron ao cine —no filme "O Corno"— e serviron de inspiración a numerosas artistas e agrupacións, entre elas De Ninghures.
Precisamente, a formación galega partiu dunha das coplas que interpretaba Salomé para crear un dos seus temas máis coñecidos, "O Último Baile". Na cita celebrada no Museo, Trinidad Agra Pardo, unha das once fillas da cantareira, evocou a peza que lle cantaba a súa nai, acompañada dunha neta, unha bisneta e unha tataraneta da informante.
O Museo do Pobo Galego destacou este momento como “un agasallo inesquecible”, que puxo en valor a transmisión interxeracional da música tradicional e a vixencia da memoria colectiva gardada polas cantareiras.