A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou este luns a resolución definitiva da convocatoria dos bonotaxis, as axudas individuais que permiten ás persoas con dificultades de mobilidade utilizar o servizo de taxi como medio alternativo ao transporte colectivo.
Nesta edición, un total de 36 persoas resultaron beneficiarias das axudas impulsadas pola Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais. Unha delas recibirá unha subvención de 150 euros, mentres que as outras 35 percibirán 350 euros cada unha, o que supón un investimento global de 12.200 euros.
O programa dos bonotaxis ten como finalidade evitar ou compensar as desvantaxes das persoas con discapacidade ou de idade avanzada, facilitando a súa plena participación na comunidade. O Concello pon especial atención nos residentes do ámbito rural, para garantir que poidan acceder aos mesmos lugares, bens e servizos dispoñibles para o conxunto da veciñanza.
Con esta medida, a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais reforza o seu compromiso coa inclusión e a igualdade de oportunidades, proporcionando unha alternativa de transporte que axuda a superar as barreiras de mobilidade presentes no día a día destas persoas.