Festival C despídese en Santiago cunha semana chea de danza, cine, teatro e maxia

Do baile ceibe en Bonaval ás proxeccións ao aire libre e espectáculos na Quintana, a última semana do festival ofrece actividades para todos os públicos
Festival C despídese en Santiago cunha semana chea de danza, cine, teatro e maxia
"Un baile ceibe" poderá verse hoxe no cemiterio de Bonaval

O luns 25 de agosto, o cemiterio de Bonaval acolle "Un baile ceibe en comunidade", unha proposta de danza contemporánea da Fran Sieira Compañía de Danza que parte do baile e da música tradicional galegas para reflexionar sobre o xénero e a súa presenza na nosa cultura. A peza afonda en como os estereotipos de xénero inflúen nas formas de bailar, de vestir e de entender o corpo dentro da tradición, e propón novas maneiras de relacionarse co movemento, desde perspectivas máis abertas e diversas.

 

De forma previa, a compañía desenvolverá no Auditorio de Galicia un obradoiro de creación e investigación no que explorar os movementos propios do corpo a partir da tradición, cuestionando os estereotipos de xénero que adoitan estar presentes no baile tradicional. A través dunha práctica tanto individual como colectiva, nel búscase o afastamento deses clixés, crear distancia coa normatividade  e construír un movemento máis libre, consciente e respectuoso co corpo. 

 

Últimos obradoiro de circo no parque

A despedida do Festival C foi cos últimos Obradoiros de circo no parque de Circonove, unhas actividades que fixeron gozar de acrobacias, malabares e danzas propias do Novo Circo. O parque de Galeras converteuse durante todo o mes de agosto no espazo perfecto para desenvolver os obradoiros nun entorno cheo de natureza. 

 

Haberá dúas sesións nesta última semana,  o luns 25 e o mércores 27, para poder experimentar, imaxinar e convivir, ao mesmo tempo que se fomentan valores como o respecto, a liberdade de expresión e o traballo en grupo. As prazas xa están esgotadas.

 

Maxia no parque para público miúdo

O espectáculo "Ledicias" do Mago Paco pecha as sesións de contos do programa Apego no Festival C. Humor, maxia e ilusións encherán o parque de Bonaval cunha proposta que sorprende tanto a nenas e nenos como a persoas adultas. Un espectáculo que convida a rir, soñar e compartir. 

 

Cinema ao aire libre

Nesta última semana, o Festival C abre un espazo para gozar do mellor cinema ao aire libre. O martes 26 de agosto, a rúa Concepción Arenal, que dá acceso á Sala NUMAX, acollerá ás 21.45 horas a proxección de "Daguerrotipos" (Daguerréotypes, 80 min, 1976, VOSE) de Agnès Varda, unha película na que a directora francesa filma os comercios situados entre o número 70 e o número 90 da rúa Daguerre, no distrito 14º de París, onde ela vivía, nunha homenaxe sentida e carente de artificios á vida e ao traballo en comunidade. 

 

O mércores 27, o cinema de Spike Lee toma a pantalla á mesma hora con "Fai o que debas" (Do the right thing, 120 min, 1989, VOSE), coas interpretacións destacadas de Rosie Perez, John Turturro, Samuel L. Jackson e Danny Aiello. Ambientada nun barrio humilde de Brooklyn, a historia céntrase en Mookie, repartidor dunha pizzería italoamericana, e na convivencia tensa entre veciños afroamericanos, hispanos, vietnamitas e italianos. 

 

A escolla de filmes establece, así, un diálogo entre realidades urbanas protagonizadas polas historias de barrio, a identidade colectiva e as relación humanas.  Ambas as sesións son de acceso libre até completar as cadeiras dispoñibles e, en caso de choiva, a proxección trasladarase á Casa das Máquinas.

 

Teatro de rúa na praza da Quintana

O xoves 28 de agosto ás 20.00 h, a praza da Quintana convértese nun estadio moi particular con "Olympics", un espectáculo itinerante e interactivo creado por Yllana e producido por Nacho Vilar Producciones. Catro atletas que quedaron ás portas dos Xogos Olímpicos deciden organizar a súa propia competición, dando lugar a un desfile de probas tolas, situacións absurdas e moita comedia física. 

Festival C despídese en Santiago cunha semana chea de danza, cine, teatro e maxia

Te puede interesar