Hugo Guezeta | “Busco que a xente se cuestione se o que lle contan é real”

O artista coñecido pola súa traxectoria no mítico grupo de rap SonDaRúa presenta hoxe o seu primeiro álbum en solitario, ‘O Noso Tempo’. A estrea do traballo marca o inicio dunha xira que terá unha parada clave na sala Sónar de Compostela o 21 de decembro
Hugo Guezeta | “Busco que a xente se cuestione se o que lle contan é real”
Hugo Guezeta, nunha sesión de fotos para promocionar ‘O Noso Tempo’, o seu primeiro álbum en solitario | J. EVERMAN

Hugo Guezeta (Ponteareas, 1991), un dos grandes nomes do panorama musical urbano de Galicia, regresa aos escenarios cunha nova aventura en solitario. Co lanzamento do seu primeiro disco de longa duración, ‘O Noso Tempo’, o cantante coñecido pola súa traxectoria no grupo de rap SonDaRúa abre un capítulo no que combina o intimismo das súas letras cunha aposta por sons máis versátiles e bailables, sen renunciar á súa característica crítica social.


O álbum, que ve a luz hoxe, conta coa produción de Peter Petrowski e inclúe 14 temas que xa prometen consolidar aínda máis, se cabe, ao artista de Ponteareas como unha figura imprescindible do hip hop na Comunidade. Entre os adiantos xa coñecidos destacan cancións como ‘Feridas’ ou ‘Arder’, que reflicten a evolución persoal e musical do artista. Dos revelados hoxe, ‘Queimar a cidade’ e ‘Non te creo’ prometen ser os traballos máis escoitados.


A presentación de ‘O Noso Tempo’ chegará acompañada dunha xira que dará comezo o 14 de decembro na sala Rebullón de Mos, continuará o 19 de decembro na sala Mardi Gras da Coruña e terá unha das súas citas máis especiais o 21 de decembro en Santiago, na Sónar. Este concerto apunta a ser unha das citas culturais máis destacadas do Nadal compostelán, cun espectáculo que prevé ser particularmente emocionante pola ampla base de fanáticos que ten o artista na cidade picheleira.

 

Tras máis de 200 concertos con SonDaRúa, como é afrontar agora un proxecto en solitario?
É unha sensación moi rara. Se tivese que planificar unha forma de rematar o proxecto, sería exactamente como foi, porque mantemos unha relación moi boa, Máis alá diso, penso que o importante é ter presente no que fixemos. Nunca pensamos en conseguir todo o que logramos, e é unha satisfacción moi grande.

 

Hugo Guezeta u00a9 Juancho Everman 5
Hugo Guezeta | Juancho Everman

 

Hoxe marcas un antes e un despois na túa traxectoria coa saída do teu primeiro álbum en solitario. Canto tempo levas preparando este disco? 
Comezamos con gravacións en setembro do 2023. As letras empecei a traballalas algo antes, como á altura de agosto. Tiven uns meses de relaxación despois de rematar o proxecto de SonDaRúa, que foi un par de meses atrás, pero tiña claro que quería que fose un proceso lento.

 

‘O Noso Tempo’ combina sons versátiles con letras máis íntimas. Foi esta fusión algo buscado desde o inicio? 
Si. De feito, quixen facer da elaboración do disco un proceso longo porque iso me iba a axudar a introducir mellor as miñas vivencias e, polo tanto, poder facer temas alegres, tristes, políticos, íntimos... é importante ter tempo para facer un álbum variado.

 

Desde o punto de vista do rap clásico, dá medo aventurarse a ritmos máis bailables?
Penso que non, porque os tempos mudaron moito. Cando eu empecei a escoitar rap con 15 ou 16 anos as fronteiras dos xéneros estaban moito máis delimitadas. Hoxe son difusas, e eu creo que se foi ese medo a buscar pureza.
 

As túas cancións sempre tiveron un compoñente reivindicativo forte. É algo consciente ou involuntario?
É unha mistura. Eu teño uns principios e uns valores cos que busco ser consecuente. Son unha persoa moi politizada e interesada polo funcionamento da sociedade e os seus problemas. Por este motivo, acaba reflectíndose na música, porque falo das miñas vivencias e ao longo da miña vida estas cuestións son moi importantes. Ao final, o único que busco é que a xente saiba que non hai ningunha verdade universal e que deben cuestionarse o que lles contan. Quero que a xente reflexione sobre todo o necesario para tirar para adiante e para que a sociedade sexa mellor.  

 

Hugo Guezeta  Juancho Everman
Hugo Guezeta | Juancho Everman

 

A sala Sónar de Santiago será o escenario dunha das datas máis esperadas da xira. Que ten Santiago para ti como artista?  

O meu vínculo é cultural e social. Social porque teño ido a moitas manifestacións. Por outra banda, ten un movemento cultural moi forte, e é algo co que me sinto moi conectado. É unha cidade moi viva e, aínda que teña épocas mellores e peores, sempre me resulta moi guay ir alí. Teño moitas ganas de presentar alí este último traballo.

 

Finalmente, que mensaxe lle deixarías aos seus seguidores de Santiago antes do concerto do 21 de decembro?
Que se animen a vir porque será un directo moi entretido. Ademais, haberá algunha colaboración especial, así que as sorpresas están aseguradas. 

Hugo Guezeta | “Busco que a xente se cuestione se o que lle contan é real”

Te puede interesar