Ilunion Lavanderías de Santiago convoca catro xornadas de folga en demanda dun convenio digno

Ilunion Lavanderías de Santiago convoca catro xornadas de folga en demanda dun convenio digno
O Comite de Ilunion Lavandeiras, en rolda de prensa

O comité de Ilunion Lavanderías de Santiago de Compostela anunciou este martes en rolda de prensa a convocatoria de catro xornadas de folga en resposta á falta de avances na negociación do convenio colectivo e ante a negativa da empresa a mellorar as condicións laborais e salariais do persoal. 

 

Roberto Alonso, da CIG-Servizos de Compostela, explicou que o persoal desta empresa (do grupo Once e que se dedica á lavandería industrial) está regulado polo convenio provincial de lavanderías e tinturerías da Coruña, que está sen actualizar dende o ano 2012.

 

No seu momento, para o centro de traballo do Polígono do Tambre xa se negociara un convenio propio, que non está en vigor por non axustarse á lexislación actual. Neste contexto, sinalou Alonso, e para reverter o deterioro dos dereitos do persoal, o comité iniciou coa dirección a negociación dun acordo para mellorar as condicións laborais e salariais. 

 

Non obstante, logo de varias reunións, a empresa limitouse a ofrecer un convenio a dous anos, cun incremento salarial de 25 euros, ampliar as horas anuais de consulta médica, e unha suba cativa dos complementos por traballar en festivos e domingos. Unha proposta que o comité considera totalmente insuficiente, polo que acordou iniciar mobilizacións e ir á convocatoria de folga en demanda dun convenio digno. 

 

Os paros desenvolveranse os días 28 e 29 de abril e os días 2 e 3 de maio. Ademais, o próximo luns, 21 de abril, de 14:30 a 15:30h, o persoal concentrarase diante das instalacións da lavandería (vía Pasteur, 17). No caso de non producírense avances, o comité avaliará a convocatoria de novas xornadas de folga “até conseguir un acordo que satisfaga as demandas sociais. 

 

 

Reducir a xornada laboral e mellorar os soldos

O representante da CIG sinalou que en Ilunion Lavanderías de Santiago traballan arredor dunhas 200 persoas, das que o 90% teñen algún tipo de discapacidade física, psíquica ou sensorial, prestando servizos principalmente para centros hospitalarios, hostalería e limpeza de uniformidade de empresas, e realizando xornadas de luns a domingo, incluíndo festivos. Por iso, destacou Alonso, unha das principais reivindicacións do comité nesta negociación é avanzar na redución de xornada. 

 

“O Goberno español leva anunciando dende o ano pasado unha redución xeral da xornada laboral ás 37,5 horas semanais. Pero parece que isto non se vai a efectivizar. Entendemos que para este colectivo é importante recortar as horas de traballo, porque realizan tarefas que requiren moito esforzo físico (teñen que permanecer as oito horas de pé), sofren altas temperaturas e condicións de penosidade, perigorisade e toxicidade polos riscos bacteriolóxicos ao que están expostos os traballadores e traballadoras”, indicou.

 

Outra das demandas refírese ao incremento do salario base para as categorías máis baixas até acadar o SMI, xa que, polo convenio anterior, o salario deste colectivo está nos 964 euros. “Aínda que a empresa está obrigada a complementar até o SMI, parece claro que se ten que reflectir nas táboas o salario mínimo interprofesional para axustarse á legalidade”, aseverou Alonso, matizando que para a CIG, o SMI segue a estar nunha contía insuficiente para cubrir as necesidades básicas, xa que nin sequera cumpre co marcado na Carta Social Europea ao non acadar o 60% do salario medio no Estado español.

Ilunion Lavanderías de Santiago convoca catro xornadas de folga en demanda dun convenio digno

Te puede interesar