Lucía Freitas e Cervezas 1906 escolleron Santiago de Compostela como punto de partida para a iniciativa Imperfectxs, unha proposta que pretende poñer en valor a gastronomía como ferramenta de transformación social na hostalería. O restaurante A Tafona acolleu recentemente unha xornada explicativa onde se presentou o proxecto cun menú deseñado especialmente para a ocasión, inspirado no produto local, a economía circular e a sostibilidade.
A experiencia puxo en diálogo a cociña de autor coa cervexa artesanal e incluíu detalles tan simbólicos como a carta impresa nun papel feito con sementes de margarida, que os asistentes puideron levar e plantar, nun xesto que representa á perfección a filosofía do evento: o compromiso co territorio e co futuro.
A continuación, un vídeo resumo do evento:
O percorrido gastronómico comezou cun Mexillón Tigre, servido cunha cuncha crocante e comestible que contrastaba coa textura suave do molusco e o seu toque picante. A maridaxe escollida foi o cóctel Aloumiño Galego Milnueve, que realzaba os matices especiados e abría o apetito.
A segunda proposta foi A Pataca do Pulpo, unha pataca moldeada con forma de polbo, pensada para comer coas mans e elaborada con xelatina do propio cefalópodo. Completaba o prato un pincho de polbo que destacou pola súa tenrura e intensidade.
Un dos pratos máis celebrados foi a Papada, cigala e limón, xa recoñecido noutros certames e que combinaba mar e terra cunha acidez refrescante. Acompañouse da cervexa 1906 Black Coupage, cun corpo robusto que equilibraba a potencia do prato.
A continuación, chegaron as Ostras á brasa con allo de polo, un xogo de sabores intensos e sutiles que atopou un compañeiro ideal na 1906 Milnueve, cun perfil máis afroitado.
No ecuador do menú chegou o prato máis identitario: A Horta, unha composición de cenoria, remolacha e escabeche cítrico que simboliza o compromiso da chef co produto da terra. A harmonía coa cervexa Milnueve reafirmaba a súa frescura e delicadeza.
O mar veu da man dun Rodaballo con xugo de congrio en salazón e tirabeques, elaborado con produto fresco traído desde Ribeira o mesmo día. Maridado coa 1906 Red Vintage, consolidou a sección mariñeira do menú con elegancia.
Xa no apartado de carnes, a proposta foi unha Ternera con xugo de ameixas e fabas, servida con pan de millo malteado. A intensidade da carne combinou perfectamente coa cervexa 1906 La Pelirroja, achegando un final salgado con carácter.
Antes da sobremesa, serviuse un cóctel aromático chamado Tueste 1906, preparado con plantas aromáticas e gin da Ribeira Sacra, ideal para limpar o padal e marcar a transición.
A sobremesa, La Vie en Rose, foi presentada como un agasallo especial que Lucía Freitas lle fixo ao seu fillo ao cumprir un ano. Cun maridaxe co Black Coupage, puxo o broche doce a unha experiencia onde cada detalle foi coidado.