Na Marcha Ciclista Escolar participou o alumnado dos colexios López Ferreiro, Vilas Alborada, Vite, Raíña Fabiola, Pío XII, Divino Maestro e Cardeal Quiroga Palacios. Con esta iniciativa, o departamento de Educación Viaria da Policía Local procura que os nenos e nenas poñan en práctica o aprendido ao longo do curso nas actividades impulsadas desde o departamento, como as charlas nos propios centros escolares ou no parque infantil de tráfico que se desenvolve en Amio. Trátase, tamén, de promover o uso da bicicleta como medio de transporte sustentable, os hábitos de vida saudables, e a convivencia entre as crianzas.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, recibiron aos nenos e nenas no Obradoiro, onde fixeron un descanso e participaron nalgúns xogos, en colaboración con Decathlon, despois dun percorrido que os levou por boa parte da cidade, e que foi deseñado para que os escolares se puideran ir incorporando paulatinamente desde os seus propios centros.