A música tradicional é tendencia. As pezas que fusionan ritmos modernos con elementos característicos do folclore galego, cada día, máis populares. Causan sensación na mocidade, que se deixa marabillar pola harmonía duns sons que non lles resultan novos, pero que nunca escoitaran ser empregados dese xeito.
Tamén cativan aos máis veteranos, que, aínda que con certas reticencias pola gran novidade que supón mesturar ritmos electrónicos con alalás e aturuxos, acaban rendéndose a un fenómeno que, pouco a pouco, chegou para quedar. Polo menos, iso é o que semella tendo en conta o nivel dos seus abandeirados.
Un dos rostros máis recoñecibles deste movemento é Martín Mondragón (Teo, 2000), mellor coñecido polo seu nome artístico; Mondra. O cantante compostelán, formado desde ben pequeno na música e a danza tradicional galega, converteuse en tan só dous anos de traxectoria nun dos rostros máis recoñecibles da renovada música tradicional galega, acadando vertixinosas cifras nas plataformas dixitais e amosando o seu talento en escenarios de toda Europa. Nesta entrevista realizada o pasado mes de agosto, compártenos un anaco da súa nova vida como artista profesional.
Aínda que xa leva un par de anos na música, este 2024 está a ser un período de consolidación. Como xestiona ese éxito?
Para min é algo que acaba de comezar. Eu empecei en xuño de 2022 e hai pouco máis dun ano que demos o primeiro concerto. É moi tolo porque a acollida e o ritmo foi moi rápido e todo xunto, pero estámolo vivindo con moitísima ilusión, traballando moito e co enfoque moi claro.
“Hoxe tocas nunha vila e mañá diante de milleiros de persoas, e iso é algo que custa procesar. Hai momentos complexos, pero as alegrías compensan”
Como mudou a súa vida desde que vive da arte?
Mudou no sentido de que me sinto totalmente conectado comigo e co que fago. Non teño ningunha dúbida de que é onde quero estar, e iso é moi importante a nivel vital e persoal. Por outra banda, tamén mudou moito o xeito de socializar. Agora, para moita xente pola rúa son unha cara coñecida e, loxicamente, a iso tamén hai que afacerse.
Que é o que máis desfruta Mondra das funcións que leva a cabo un artista?
Sempre escollerei o escenario; o directo. Cando conecto co que fago no escenario, síntome realmente ben. É o sitio no que máis cómodo me sinto, aínda que, iso si, pode ser un inferno cando tes un mal día. O traballo de estudio, composición e todo o que comprenden os pasos previos á actuación tamén son un estímulo moi enriquecedor.
“Na miña casa sempre se escoitou música en galego. Eu medrei escoitando mulleres; Mercedes Peón, Guadi Galego, Sés... elas son os meus grandes referentes”
De que actuación garda unha mellor lembranza?
É un pouco difícil lembrar o conxunto dun concerto; eu quédome máis coa sensación ao saír do escenario. Nese sentido, podería elixir a actuación coas Tanxugueiras no Coliseum da Coruña ou estrear o meu primeiro disco na sala Capitol. Tamén, máis recentemente, o festival Sonrías Baixas.
A quen van dirixidas as súas cancións?
É unha moi boa pregunta porque, realmente, nunca tiven un obxectivo. Eu comecei coa idea de facer a música que a min me prestaba. Inicialmente, si, para a mocidade, pero acabei levando a sorpresa de que moita xente maior viña aos concertos; son moi diversos.
Cal é a súa relación cos sectores culturais tradicionais?
Eu síntome respectado e apoiado polos sectores tradicionais. Tamén se sabe que é o mundo do que veño, así que se pode dicir que sei ben o que fago. Poden haber reticencias, claro, pero non chegan a min.
Que é do que máis orgulloso se sinte ata o momento?
Do discurso. Parece que son frases descontextualizadas dentro dunha canción, pero eu son moi consciente do altofalante que teño e de como podo influír nas persoas. O que canto identifícame a min e a milleiros de persoas máis, e iso é unha marabilla.