De Ninghures convida a Fillas de Cassandra, Ortiga, Juan de Dios, De Vacas e Anxo Pintos á presentación da súa ‘Feira’ na Capitol

De Ninghures convida a Fillas de Cassandra, Ortiga, Juan de Dios, De Vacas e Anxo Pintos á presentación da súa ‘Feira’ na Capitol
De Ninghures | Arancha Brandón

A Sala Capitol prepárase para vivir unha auténtica Feira este xoves. De Ninghures subirase ao escenario para presentar o seu novo traballo discográfico, publicado o pasado 25 de febreiro, e contará coa colaboración de compañeiras como Fillas de Cassandra, Juan de Dios, Ortiga, De Vacas e Anxo Pintos. As entradas para a cita, na que o baile e a festa están garantidas, están esgotadas desde hai días.

De Ninghures fan música cos pés na terra e os brazos abertos. Son unha das bandas referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí. 

 

En 2022 a banda publicou Aquí, o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e algúns sinxelos despois - coma o exitoso Morena, galardoado como Mellor Música do Ano en Galicia nos Premios Ari(t)mar-, De Ninghures lanza Feira é un disco conformado no que a formación traballa coa tradición popular galega dun xeito artesanal, cunha sonoridade e discurso moi característico, para levala á escena actual. 

 

Ao igual que as feiras populares se transformaron co tempo, De Ninghures evoluciona neste segundo LP e bebe, alén da tradición galega, de influencias latinas ou árabes. Da man do produtor Juan De Dios Martín (Amaral, Xoel López, etc.), a banda revisita, actualiza e reivindica o patrimonio cultural do país para presentar unha Feira do século XXI, tal e como descubrirá o público que asista este xoves á Sala Capitol. 

De Ninghures convida a Fillas de Cassandra, Ortiga, Juan de Dios, De Vacas e Anxo Pintos á presentación da súa ‘Feira’ na Capitol

Te puede interesar