O Noia Harp Fest 2025 propón o festival da arpa máis importante do norte peninsular

O Noia Harp Fest 2025 propón o festival da arpa máis importante do norte peninsular
Foto de Jerry Elefarte

A localidade coruñesa de Noia acollerá entre o 30 de xullo e o 7 de agosto a súa duodécima edición do Noia Harp Fest, un evento que reúne o mellor da interpretación contemporánea da arpa nun encontro único con concertos, foliada, estreas e presenza de artistas galegas, estatais e internacionais. A programación foi presentada este martes no Claustro de San Francisco.

 

Noia Harp Fest 2025
Noia Harp Fest 2025

 

Cinco xornadas, sete escenarios e trece concertos

A edición de 2025 inclúe por primeira vez unha quinta xornada de programación que se celebrará o xoves 7 de agosto coa Gala de Entrega do III Premio Internacional Portus Apostoli. Será un concerto especial da Real Filharmonía de Galicia, dirixido por Sebastian Zinca e coa participación das solistas Claudia Besné e Francesca Romana Di Nicola. Estrearase a obra Cuatro historias gallegas, do compositor arxentino Federico Beilinson, e interpretarase tamén Folías Celtas de Gabriel Bussi, así como pezas de Debussy e Ravel.

 

O festival desenvolverase en sete escenarios emblemáticos da vila: desde a Igrexa e o Claustro de San Francisco até a Praza do Tapal, o Teatro Coliseo Noela, o Liceo, a Igrexa Santa María A Nova ou a Praza do Curro. Haberá doce concertos gratuítos e un de pago.

 

 

Un cartel diverso e vangardista

Entre as novas incorporacións ao cartel atópanse nomes como Bleuenn Le Friec, acompañada polas voces de Faia e Uxía; Alba Barreiro e Fernando Raña; Kevin Le Pennec, gañador do World Harp Competition 2024; Quico Comesaña, Ana Crismán (recoñecida pola súa traxectoria na arpa flamenca), e a formación galega D’Súpeto, que se estreará no festival.

 

Tamén destacan Noela Cotuna, Juliette Commeaux & Laia Blasco, Yofre Brito Rivera, e o dúo internacional Rebecca Hill & Charlie Stewart. A programación inclúe ademais unha Foliada de Benvida, o III Encontro de Alumnado de Arpa das Escolas de Galicia e iniciativas educativas que buscan poñer en valor o talento emerxente.

 

 

Un festival que fai comunidade arredor da arpa

O Noia Harp Fest naceu con vocación divulgativa e mantén esa esencia. Non só ofrece concertos, senón tamén espazos de encontro entre artistas e público, implicando o patrimonio histórico da vila e xerando comunidade. Desta volta, o co-director Rodrigo Romaní anunciou que, tras un tempo afastado dos escenarios, volverá tocar para ofrecer unha homenaxe a Emilio Cao durante a Foliada de Benvida.

 

 

A organización corre a cargo de Nalgures Producións e da Asociación Noia Harp Fest, coa colaboración do Concello de Noia, a Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación da Coruña. As entradas para o concerto de clausura sairán á venda proximamente e o prazo para participar na nova edición do Premio Portus Apostoli xa está aberto na web oficial do festival: www.noiaharpfest.gal.

 

20250604 Rolda NHF 2025 u00a9 Jerry Elefarte 2
Foto de Jerry Elefarte

O Noia Harp Fest 2025 propón o festival da arpa máis importante do norte peninsular

Te puede interesar