Santiago de Compostela prepárase para vivir unha fin de semana chea de actividade nas rúas, con propostas pensadas para públicos diversos que combinan cultura urbana, música, artes escénicas, fanzines e dinamización do comercio local. Á festa “Prima 25”, que remata hoxe, súmanse o Parkour Skills Challenge, o Compostela Skate e o festival Fun Fun Fun, que se estenden ata o domingo 8 de xuño.
A celebración do comercio de proximidade segue enchendo as rúas compostelás de espectáculos, concertos, pasarrúas e actividades para público infantil. Este venres destacan as actuacións de María Faltri en Conxo, a compañía Pedras de Cartón con “Moby Dick” e Golfiños con “Silforiña”, ambas na Praza Roxa. Ademais, en San Pedro e Fontiñas desfilará Paporrubio co seu espectáculo de rúa “Transhumancia sonora”.
O sábado, o “Prima 25” ofrecerá unha exhibición de ourivería na Praza do Obradoiro, funcións de Inventi Teatro e As Sircópatas, e os concertos de Catuxa Salom (13:00) e Abril (20:00) na Praza de Feixóo. A actividade completarase cos pasarrúas de Tanto nos Ten e a ruleta de agasallos “Eu merco aquí”, onde se pode participar presentando un tícket de compra en comercios da cidade.
A Praza Roxa converterase este sábado no epicentro do parkour coa celebración do Parkour Skills Challenge, unha xornada aberta á participación desde os 10 anos que inclúe obradoiros de iniciación pola mañá e unha competición de habilidade pola tarde.
O domingo será a quenda do skate. A Praza da Constitución acollerá a quinta edición do Compostela Skate, un evento que regresa con forza tras unha década de ausencia. Desde as 11:00 e ata as 21:00 horas celebraranse campionatos de modalidade “Street” nas categorías Sub15 e Open, nunha xornada que busca fomentar o deporte, a convivencia e o ocio saudable entre a mocidade.
O festival Fun Fun Fun, centrado na autoedición gráfica e banda deseñada independente, celebra a súa sétima edición coa colaboración das áreas de Xuventude e Centros Socioculturais. Esta tarde celébrase a xornada Fun-aKadémica no espazo X do CGAC, mentres que o sábado terá lugar o evento principal: a Feira de Fanzines na Casa das Mákinas, con máis de 60 proxectos chegados de Galicia e Portugal.
A programación completarase con obradoiros gratuítos, charlas, combates de debuxantes e dúas citas musicais: a sesión vermú con Tonita e o concerto de peche a cargo de Saibran Yiyi.