O Partido Popular de Santiago, a través do seu concelleiro José Ramón de la Fuente, considera que as prazas de Policía local son totalmente insuficientes, sobre todo, tendo en conta o constante aumento da criminalidade e que o goberno local só prevé a incorporación de tres novos efectivos.
De la Fuente asegurou que “a ratio recomendable é de 1,8 efectivos por cada mil habitantes, polo que, se atendemos á poboación real e ás peculiares características da capital de Galicia, precisariamos máis de 250 e, na actualidade, só temos 134 axentes”.
“Co actual ritmo do goberno local para a incorporación de novos efectivos -subliñou o edil popular-, tardaremos máis de 40 anos en chegar a completar unha plantilla mínima de policías que cubran as actuais necesidades de seguridade en Santiago”, polo que insistiu en que “non podemos seguir cruzados de brazos, esperando a que a delincuencia diminúa soa, cando todos os datos apuntan a que esta non para de medrar”.
“Está claro que algo se está facendo mal en Santiago -explicou-, cando no conxunto de Galicia, nas grandes cidades e nos municipios colindantes, a criminalidade descende, pero en Compostela segue disparada, polo que negar o problema e a necesidade da elaboración dun plan de actuación urxente, como temos reclamado no Pleno, conduce á capital de Galicia a uns índices de criminalidade como nunca antes tivemos”.
De la Fuente remarcou que, “por máis que o BNG así o repita, o goberno local non quixo explorar ao máximo as posibilidades da taxa de reposición establecida na Lei de orzamentos de 2022, que permite acumulacións de prazas, polo que é evidente que para o BNG a seguridade non é unha prioridade, co que deixa de cubrir as prazas necesarias de efectivos de Policía local, creando tan só 3 novas prazas este ano”.
“Chegamos á metade de mandato e o certo é que o tempo transcorrido foi un tempo perdido, xa que os nacionalistas negaron, desde o inicio, unha realidade que é evidente para todos, e que as estatísticas do Ministerio de Interior confirman trimestre tras trimestre; se o goberno houbera tomado medidas é claro que agora non estaríamos nestas circunstancias”, destacou o popular.
Finalmente, De la Fuente remarcou que “o incremento da criminalidade e a extensión de lugares de venta de drogas por toda a cidade é innegable, pero a dramática situación de Santa Marta, Xoán XXIII e Vista Alegre deberan ter activado unha actuación decidida, valente e comprometida por parte do goberno local, que lamentablemente non estamos a ver”.
“O BNG podería explorar ao máximo as posibilidades da Lei para incorporar máis efectivos, poñer as cámaras de vixilancia a gravar ou mellorar a iluminación da cidade, pero se negan contumazmente, rexeitando unha realidade que é patente para toda a cidadanía, co que é evidente que a loita contra a criminalidade non é un asunto prioritario para o goberno local”, insistiu De la Fuente.