Reportaxe | Recuncho Médico, divulgación e consellos sobre saúde e vida de Santiago para o mundo

Fátima Barros, graduada en Medicina pola USC, é a artífice deste perfil de Instagram e TiKTok que busca achegar a medicina a todos os públicos a través de vídeos amenos e próximos ao usuario
Reportaxe | Recuncho Médico, divulgación e consellos sobre saúde e vida de Santiago para o mundo
Fátima Barros, creadora de Recuncho Médico

Fátima Barros vive cos seus avós. Inmersos nunha época de sobrecarga informativa na que os cambios se suceden un tras outro de maneira vertixinosa, os máis maiores, aínda que todo o mundo en xeral, énchense de preguntas que precisan de alguén que as responda

 

O avó de Fátima ten moitas preguntas, e hai cuestións máis complexas de explicar ca outras. No caso desta rapaza que estudou medicina na Universidade de Santiago de Compostela, do que trata é de achegar esta disciplina científica a todos os públicos, independentemente da súa idade ou formación. Primeiro solucionou as dúbidas do seu avó e, ao ver que as entendía, decidiu traspasar a fronteira do ámbito familiar. 

 

Foi durante a corentena cando Fátima creou un espazo de divulgación na rede que hoxe conta xa con decenas de miles de seguidores: Recuncho Médico. Pero ese proxecto foi modelándose co tempo, e nun inicio non nace co mesmo propósito que agora o caracteriza. 

 

Habituada á falta de tempo debido á esixencia da súa carreira, de repente co peche sanitario viuse con horas libres nas que se notaba a falta de contacto humano. “Eu xa non estaba compartindo espazo cos meus compañeiros, así que creo Recuncho Médico coma un diario dunha estudante que narra o seu día a día, o que me custaban algunhas materias…”.

 

Eu xa non estaba compartindo espazo cos meus compañeiros, así que creo Recuncho Médico coma un diario dunha estudante que narra o seu día a día, o que me custaban algunhas materias…

 

Ao pouco foi derivando cara a un enfoque máis divulgativo no que xa tiña experiencia polas longas charlas didácticas que compartira co seu avó. Comezou a informarse sobre enfermidades concretas e a dalas a coñecer en pílulas audiovisuais nas súas redes, tamén co obxectivo de prevelas: “Máis que curar, unha grande parte da medicina é prever, e para prever hai que darlle información á xente e explicarlle como se dan as cousas”.

 

Unha parte moi importante da medicina é prever, e para prever hai que darlle información á xente e explicarlle como se dan as cousas

 

 

Divulgar sobre medicina pode ser complexo, dado que hai que buscar a maneira de achegar esta ciencia a todo o mundo independentemente do seu nivel educativo. Fátima comeza seleccionando o tema, empápase de cheo nel e de aí comeza a filtrar. “Primeiro fago un resumo dos puntos que quero tocar. Ás veces fago un primeiro vídeo pero ao velo noto que hai demasiados termos técnicos e que non se entende. Cando dubido ensínollo aos meus pais e aos avós. Dependendo do que van entendendo fago modificacións”.

 

Cando dubido sobre se os meus vídeos se entenden ensínollos aos meus pais e avós primeiro

 

En Instagram e Tik Tok

 

Recuncho Médico ten perfil en Instagram e Tik Tok. Fátima considera que son as redes sociais máis axeitadas para o seu labor, porque “a xente prefire ver un vídeo e escoitar a unha persoa falar que ler unha publicación, é máis próximo e é como mellor me expreso”. 

 

En ocasións ten elaborado contidos máis densos, como infografías, pero o impacto é moito menor. Tampouco todos os vídeos teñen as mesmas interaccións: “Tik Tok e Instagram son plataformas que potencian os vídeos curtos, polo que teño que resumir os puntos máis importantes nos primeiros quince segundos ou os usuarios deslizan rapidamente”.

 

Entre os seus seguidores hai unha variedade grande de perfís procedentes de multitude de países. Moitos estudantes da rama da saúde, pero tamén persoas sen vinculación algunha coa medicina que comezaron a seguir a Recuncho Médico por vídeos que lles foron aparecendo nas redes. Tamén médicos de corenta ou cincuenta anos que teñen Instagram: “Téñenme recoñecido nas prácticas, e outras veces aproveito para comentarlles o que fago e comezan a seguirme”.

 

 

 

Fátima amósase realmente agradecida co público que ten: “É algo ao que lle dou moito valor porque conseguir que cun vídeo te entenda tanto xente que leva anos facendo medicina como persoas que non teñen nada que ver indica que o estás facendo ben”.

 

Conseguir que cun vídeo te entenda tanto xente que leva anos facendo medicina como persoas que non teñen nada que ver indica que o estás facendo facendo ben

 

Dimensión humana

 

A Fátima o interese pola medicina non lle veu dun legado familiar. Ningún dos seus proxenitores teñen relación co ámbito da saúde. Pero ela sempre tivo interese por como funcionan as cousas, especialmente o corpo humano. Co tempo foi afinando as súas aspiracións: “Cando te metes na carreira vas desenvolvendo a túa vocación e en min foise metendo ese sentimento de querer axudar aos demais”.

 

Cando te metes na carreira vas desenvolvendo a túa vocación e en min foise metendo ese sentimento de querer axudar aos demais

 

O factor humano é para ela primordial. O cara a cara co paciente, o entender que lle acontece. Por iso tamén trata ela mesma de, nas redes, amosarse como unha persoa próxima. En Tik Tok especialmente crea contido arredor de momentos da súa vida que non teñen que ver coa medicina: “Todo bo médico, máis alá de médico é persoa”. 

 

 

 

As súas cafeterías preferidas, as súas rutinas de ocio ou trends do propio Tik Tok mestúranse cos vídeos máis divulgativos e conseguen un éxito semellante: “Creo que é moi importante diversificar. Ás veces a xente pensa que para ser bo profesional hai que dedicar toda a vida á medicina, pero iso converteríanos en máquinas de diagnosticar. Somos persoas e o que lle dá a dimensión humana á medicina é que nos tempos libres fagamos outras cousas”. 

 

A xente pensa que para ser bo profesional hai que dedicar toda a vida á medicina, pero iso converteríanos en máquinas de diagnosticar. Somos persoas e o que lle dá a dimensión humana á medicina é que nos tempos libres fagamos outras cousas

 

E o seu público agradéceo. Proba diso son os comentarios positivos que recibe en cada publicación. Por suposto sempre hai quen, aproveitando o resgardo que permite unha pantalla, aproveita para facer dano: “Sobre todo recibín críticas en canto ao tema do idioma, pero agora xa non tanto. Creo que canto máis activa me amoso en canto ao meu papel no activismo e normalización lingüística menos me cuestionan”. Porque Fátima divulga en galego, a súa lingua

 

Agora, ante o éxito que acadou con Recuncho Médico, a intención de Fátima é continuar co proxecto, aínda que mentres tanto tócalle preparar o MIR. Unha vez aprobado seguirá divulgando contido arredor da súa especialidade, aínda que sen deixar de lado a medicina xeral e combinándoo coa práctica asistencial.

Reportaxe | Recuncho Médico, divulgación e consellos sobre saúde e vida de Santiago para o mundo

Te puede interesar