A sesión vermú de Alberto Lareo pechou o primeiro ciclo de 'Cocinando Santiago' entre tapas de autor e música en directo

O evento, celebrado este domingo no Mercado Boanerges, combinou gastronomía de calidade, ambiente festivo e a sesión musical do DJ compostelán Black Vanilla
A sesión vermú de Alberto Lareo pechou o primeiro ciclo de 'Cocinando Santiago' entre tapas de autor e música en directo
O chef Alberto Lareo durante a celebración do evento | Eladio Lois

O pasado domingo, Compostela gozou dunha nova entrega de Cocinando Santiago, a iniciativa gastronómica promovida polo Mercado Boanerges que busca poñer en valor a cociña de autor feita por e para os composteláns. Nesta ocasión, a proposta cambiou o seu tradicional formato de tardeo pola súa primeira sesión vermú, liderada polo chef Alberto Lareo do restaurante Maina.

 

A xornada comezou ao mediodía cunha selección de tapas que oscilaron os 3 e os 6 euros e que combinaban sabores tradicionais con técnicas actuais. Lareo presentou tres creacións: unha ensaladilla clásica, unhas croquetas de xamón ibérico de textura cremosa e unha berenxena asada, afumada e acompañada de emulsións e brotes que destacou pola súa presentación e fondura de sabor.

 

O propio Mercado, da man do chef Pablo Pizarro, completou a oferta coas súas propias creacións: un pincho de merluza con emulsión de allada e un brioche de tartar de picaña con maionesa de pementos de Herbón, que tiveron tamén unha excelente acollida entre o público.

 

A música correu a cargo de DJ Black Vanilla, que creou unha atmosfera perfecta cun set que mesturou electrónica suave, groove e sons mediterráneos, mantendo o ritmo constante da sesión vermú e convertendo o espazo nun punto de encontro para amantes da boa comida e o lecer local.

 

Podes revivir a experiencia no seguinte vídeo, onde se recolle o ambiente e as creacións servidas durante a xornada:

 

 

A sesión deste domingo pechou o primeiro ciclo de primavera de Cocinando Santiago, que xa pasou por mans de chefs como Iago Pazos, Brisa Medina ou Carlos Insua, e que volverá en setembro cun novo cartel de luxo encabezado por Lucía Freitas (A Tafona), Tomás Rubio (A Viaxe) e Gonzalo Pose (Argentino’s Burguer).

 

 

Con esta fórmula baseada na colaboración, o talento local e os prezos accesibles, Cocinando Santiago consolídase como un dos proxectos máis vivos da escena gastronómica compostelá. Unha proposta que reivindica unha cociña de proximidade, creativa e feita con identidade.

A sesión vermú de Alberto Lareo pechou o primeiro ciclo de 'Cocinando Santiago' entre tapas de autor e música en directo

Te puede interesar