O Teatro Principal acolle a entrega dos premios do IV proxecto ‘Cóntame un conto’ da Fundación Antonio Fraguas

O Teatro Principal acolle a entrega dos premios do IV proxecto ‘Cóntame un conto’ da Fundación Antonio Fraguas

O Teatro Principal de Santiago converteuse esta mañá nun espazo de festa e memoria compartida coa celebración do acto de entrega dos premios do IV proxecto educativo ‘Cóntame un conto’, unha iniciativa da Fundación Antonio Fraguas Fraguas do Museo do Pobo Galego que busca promover a literatura oral galega a través do traballo directo co alumnado.

 

O evento, conducido pola educadora, antropóloga e narradora María da Pontragha, contou coa presenza de arredor de 180 estudantes dos centros CEIP Manuel Luís Acuña de Ourense, CEIP Ortigueira de Vedra, CPI de Viaño Pequeno de Trazo e CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés de Oroso, que acudiron a Santiago para recoller os seus galardóns e compartir os contos seleccionados nas súas escolas.

 

Maria da Pontragha 2 (1)
Maria da Pontragha

 

Un recoñecemento ao traballo colectivo arredor da oralidade

Os premios foron entregados pola vicepresidenta e o secretario da Fundación Antonio Fraguas, María Xosé Fernández Cerviño e Fuco Sanjiao, xunto ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela López, e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, todos eles membros do Padroado da Fundación.

 

Durante o acto, subliñouse a importancia de escoitar aos maiores, recoller os seus relatos e mantelos vivos a través da aprendizaxe e a transmisión interxeracional. “As nenas e nenos de hoxe son os creadores da próxima transmisión”, afirmou Fernández Cerviño, mentres que Jorge Cubela animou á rapazada a seguir lendo e cultivando a lingua, a historia e a identidade galega.

 

Música, contos e aprendizaxe viva

O evento incluíu tamén a lectura pública dos contos traballados en cada centro participante, así como unha actuación musical do alumnado do CEIP Ortigueira, que interpretou diversas pezas tradicionais galegas, completando así unha xornada festiva onde a cultura popular foi a auténtica protagonista.

 

Premio CEIP Ortigueira Vedra
Alumnado do CEIP Ortigueira

 

Xunto aos centros presentes no Teatro Principal, tamén participou nesta cuarta edición o CEIP Plurilingüe de Santo Estevo de Parga de Guitiriz, sumando máis de 200 nenos e nenas de educación infantil, primaria e secundaria que, ao longo do curso, recolleron, transcribiron, aprenderon e contaron contos tradicionais, creando tamén vídeos educativos arredor das súas historias.

O Teatro Principal acolle a entrega dos premios do IV proxecto ‘Cóntame un conto’ da Fundación Antonio Fraguas

Te puede interesar