O fortalecemento dos sistemas de educación superior en África, mediante a mobilidade académica e a cooperación internacional, é o obxectivo principal do proxecto Africa MOVES (African Mobilities Organisation for Venturing into Educational Systems) no que participa a USC.
Cunha duración de catro anos, o proxecto forma parte do programa MOBAF da Comisión Europea no marco do instrumento NDICI – Global Europe, e conta cun financiamento da UE de 1.098.822 euros. Na Universidade de Santiago de Compostela, o proxecto está liderado polos profesores Rubén Lois González e Rosa Verdugo Matés, do grupo de investigación ANTE (Análise Territorial) e do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e Regina Carreira López, técnica superior de proxectos europeos (Senior European Projects Manager) da USC.
Africa MOVES é unha experiencia piloto pioneira que inclúe a mobilidade de polo menos 46 estudantes e persoas en formación, co obxectivo de preparar unha nova xeración de profesionais técnicos africanos, especialmente en áreas como a gobernanza, a calidade educativa, a transición verde e dixital, a resiliencia social e a democracia. “O proxecto aposta por un enfoque transversal, combinando a formación académica coa creación de redes entre universidades, investidores, incubadoras e laboratorios de innovación, para facilitar a inserción laboral e o emprendemento nos sectores emerxentes”, apuntan dende o quipo investigador.
O consorcio internacional está composto por oito institucións de educación superior de sete países: a Université Assane Seck de Ziguinchor (UASZ) en Senegal, que actúa como coordinadora principal; a Université des Lettres et des Sciences Humaines de Bamako (ULSHB) e a Université Kurukanfuga de Bamako (UKB) en Malí; a Université Abdou Moumouni (UAM) en Níxer; a Universidade de Cabo Verde (Uni-CV); a Universidade de São Tomé e Príncipe (USTP); a Universidade Púnguè (UNIPUNGUE) en Mozambique; e, por parte de España o IDEGA da USC.
O proxecto busca desenvolver programas curriculares innovadores e promover o recoñecemento de dobres títulos, fomentando así unha transformación sostible e local das sociedades africanas, aliñada coas prioridades globais da Unión Europea.