A Coordinadora das Asociacións Veciñais de Santiago celebrou este mércores unha reunión na Casa das Asociacións de Cornes na que participaron 15 colectivos veciñais xunto a un representante da Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago (FERUSA). O encontro serviu para formalizar a Coordinadora e fixar unha folla de ruta sobre cuestións clave para a cidade, como a nova taxa do lixo, o servizo de transporte urbano e a oposición á reapertura da sala Malatesta en San Lourenzo.
Os representantes acordaron consolidar a Coordinadora de maneira provisional cos membros do Consello de Relacións Veciñais, avanzando na agrupación das asociacións da cidade e establecendo reunións trimestrais ordinarias. Tamén se aprobou elaborar propostas tipo de alegacións que cada colectivo poderá adaptar aos seus intereses e presentar no Concello, así como traballar na actualización do Regulamento de Participación Cidadá, vixente dende 1998.
Un dos puntos centrais do encontro foi a análise da nova taxa do lixo. As asociacións demandaron que se aplique o principio de “pago por xeración”, en lugar de vincular o importe ao valor catastral das vivendas, un criterio que consideran inxusto. Denunciaron que, segundo a proposta actual, os incrementos poderían chegar ata o 52% para fogares con baixo consumo de auga.
Tamén solicitaron coñecer o estudo económico que avala a medida e reclamaron que, no caso da hostalería, se computen as terrazas como parte da superficie dos locais, dado que nelas se xera unha parte importante dos residuos. Ademais, reclamaron asimilar bares e restaurantes na mesma categoría, ao entender que a maioría dos bares funcionan xa como establecementos de restauración.
Outro dos asuntos abordados foi a necesidade de mellorar o transporte urbano en Santiago. As asociacións apostan por incrementar frecuencias, dotar as paradas de marquesiñas e paneis informativos en todo o termo municipal, modernizar o parque de vehículos e empregar autobuses adaptados ás rúas máis estreitas. Tamén pediron máis axilidade na comunicación de cambios de horarios.
As asociacións presentes asinaron un documento de apoio á Asociación Río Sarela-San Lourenzo, opóndose á reapertura da sala Malatesta como local de ocio nocturno. Argumentan que esta actividade foi cualificada reiteradamente pola xurisprudencia como “molesta” e “insalubre”, e lembran que xa no pasado tivo un impacto negativo na saúde e no descanso dos veciños, ademais de supoñer unha vulneración de dereitos fundamentais como a inviolabilidade do domicilio.