Un vídeo sobre o número Pi triunfa na XIII edición de 'Explícoche matemáticas 2.0'

Antía Fernández Paulos, alumna do IES Castro Alobre, logra o primeiro premio cun traballo audiovisual en galego sobre aproximacións ao número Pi
Un vídeo sobre o número Pi triunfa na XIII edición de 'Explícoche matemáticas 2.0'
Fotograma do vídeo premiado | YouTube

A estudante Antía Fernández Paulos, do IES Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa, é a gañadora da décimo terceira edición do certame 'Explícoche matemáticas 2.0', un concurso impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC que promove o uso do galego como vehículo de transmisión científica. O seu vídeo, titulado 'Xogando a aproximar Pi', valeulle o primeiro premio, dotado con 350 euros.

 

 

 

Matemáticas en galego e con creatividade

A proposta de Fernández, titorizada por Beatriz Alfonsín Galiñanes, destaca pola súa capacidade para divulgar contidos matemáticos complexos cunha linguaxe accesible e creativa, ao tempo que contribúe á normalización do galego no ámbito científico. O xurado valorou tanto os contidos matemáticos como a calidade lingüística e técnica da peza.

 

O segundo premio, con 250 euros, foi para o vídeo ‘A tartaruga de Fleury’, elaborado conxuntamente polos alumnos Adrián Arnoso Bermúdez, Manuel Díaz Sánchez e Saúl López Souto, do IES Isaac Díaz Pardo de Sada, baixo a titoría de Beatriz Máquez Villamarín e Pilar López García.

 

 

 

Un certame consolidado

Nesta edición presentáronse 18 vídeos, todos na categoría única que abrangue alumnado de 2º ciclo da ESO, Bacharelato e ciclos de Formación Profesional. A avaliación tivo varias fases: unha primeira revisión por parte da Comisión organizadora, a análise lingüística e técnica por parte do Servizo de Normalización Lingüística da USC, e finalmente a deliberación do xurado, que visualizou os vídeos tanto individualmente como en sesión conxunta.

 

O xurado estivo presidido polo decano da Facultade de Matemáticas, Alberto Cabada Fernández, e integrado por docentes universitarios, profesorado de ensino medio e tamén por Julia Rama González, gañadora en edicións anteriores do certame.

Un vídeo sobre o número Pi triunfa na XIII edición de 'Explícoche matemáticas 2.0'

Te puede interesar