O WOS Festival x SON Estrella Galicia anunciou este martes a activación da venda de entradas de día para a súa oitava edición, logo de esgotar todos os abonos dispoñibles. O evento celebrarase en Santiago de Compostela do 11 ao 14 de setembro e reunirá a preto de 30 artistas internacionais e nacionais, cunha programación que combina música, arte e vangarda.
A cita presentará 13 estreas en España —e 10 en Galicia— de discos, directos e concertos audiovisuais. Entre elas destaca o de Los Thuthanaka, que chegarán con estrea a nivel europeo. Outros nomes do cartel son Abdullah Miniawy, aya & MFO, Batu, Beatrice Dillon, Malandrómeda & Caamaño, Objekt ou Tarta Relena, que presentará en Galicia o seu novo álbum És Pregunta.
O concerto inaugural do xoves 11 estará protagonizado por Carme López e Tarta Relena. O venres 12 o público poderá optar por entrada de día ou de noite, con programación na Sala Capitol, que acollerá catro estreas en España (Carrier, Los Thuthanaka, Purelink e Rainy Miller). O sábado 13, as naves da Fundación Laboral da Construción transformaranse de novo en pista de baile, con nomes como aya & MFO, Beatrice Dillon, Klein, Lord Spikeheart ou Simo Cell. O domingo 14 o festival despedirase cos directos de Grand River & Abul Mogard e Masayoshi Fujita.
Desde hoxe pódense adquirir ata seis modalidades diferentes de entradas en dice.fm e Ataquilla.com, que inclúen opcións de día completo ou acceso exclusivo ás sesións nocturnas do venres e do sábado.
O WOS, promovido pola produtora compostelá Work On Sunday, está considerado un dos festivais de vangarda máis importantes do Estado. Foi recoñecido como Mellor Festival Indoor de Europa 2018 e Mellor Festival Indoor Nacional nos Iberian Festival Awards de 2023.
O evento conta co patrocinio principal de SON Estrella Galicia e o apoio da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello de Santiago, Goberno de España, Acción Cultural Española, Fundación Japón e Gadis.