A Xunta de Galicia aprobou o novo Plan Galego de Investigación e Innovación 2025-2027 por 1.310 millones de euros. Entre as medidas que plantea o proxecto está a creación de unha nova fundación pública para atraer talento investigador de todas as partes do mundo.
O Plan galego de investigación e innovación é a folla de ruta da Xunta de Galicia para darlle o impulso á I+D+i dentro da súa intensa aposta pola ciencia. Con medidas para favorecer o desenvolvemento económico da Comunidade, o progreso e benestar da sociedade e o seu posicionamento internacional, onde Galicia cada vez é máis coñecida polas súas capacidades neste eido.
Os obxectivos principais son fomentar o talento investigador e que os resultados do seu traballo cheguen á cidadanía e ao mercado para ter un impacto real a través de ferramentas como a Fundación Galtia, os plans locais de I+D+i ou os modelos de transferencia, entre outros.
Galicia é a comunidade autónoma cos servicios públicos máis innovadores de España ao captar o 40% dos proxectos presentados á Compra Pública de Innovación no 2024 con 8 proxectos e 42 millóns de euros. Asimesmo, e a segunda rexión máis emprendedora no campo da biotecnoloxía. Dende o ano 2021 lévanse creado 24 empresas.
A ciencia é unha prioridade para o Goberno galego como ferramenta para impulsar o progreso socioeconómico e mellorar a vida dos galegos.
A Xunta quere seguir invertindo nas actividades relacionadas coa biotecnoloxía (medicina xenómica, novos materiais, farmacoloxía e agroalimentación), as tecnoloxías profundas (intelixencia artificial e computación cuántica) e as enerxías limpas. Con isto non só se mantén a aposta de Galicia pola excelencia en I+D+i, senón que se introducen iniciativas para adaptarse a un contexto global en constante transformación e, así, asentar unhas bases sólidas para o crecemento.
O talento é un piar imprescindible da I+D+i. O plan inclúe medidas dirixidas a captar, reter, atraer e retornar investigadores. Destacan programas como Oportunius, grazas ao que traballan na Comunidade investigadores que obtiveron unha bolsa ERC, as máis prestixiosas que concede o Consello Europeo de Investigación. Tamén a gran rede de centros de investigación universitarios de excelencia, a chamada Rede CIGUS, composta por 10 centros das tres universidades públicas galegas que amosan a mellor ciencia feita en Galicia. Tamén se está a deseñar o novo programa Retorno talento I+D, co obxectivo de captar investigadores galegos que estean a desenvolver a súa actividade no exterior co obxectivo de asentar en Galicia o mellor talento.
Unha das grandes novidades neste campo é a creación dunha fundación de atracción de talento de alto nivel internacional: a Fundación Galtia. A Xunta xa traballa na súa creación co obxectivo posto en que en inicios de 2026 se poida lanzar a primeira convocatoria de captación de talento. Con esta fundación quere posicionarse á Comunidade como un destino atractivo para desenvolver a actividade investigadora en áreas de coñecemento estratéxicas para Galicia, co foco posto en captar a 30 investigadores de máximo prestixio mundial, que poidan vir acompañados das súas familias e os seus equipos.
Outro dos piares fundamentais do Plan galego de I+D+i é a transferencia do coñecemento á sociedade. Para iso, a Xunta de Galicia está a reforzar o programa Ignicia, un dos principais instrumentos do Goberno galego para facilitar esta transferencia real das investigacións á sociedade.
Neste apartado, o plan dá un salto para impulsar a creación de startups derivadas de resultados de investigación. O fin é transformar os avances científicos e tecnolóxicos en oportunidades de desenvolvemento económico e social. Para isto, aplicarase o modelo coñecido como Venture Building, testado e recoñecido a nivel internacional, que identifica ideas con alto potencial de mercado e se encarga do seu acompañamento ata a consolidación empresarial.
O obxectivo final do Plan galego de investigación e innovación é mellorar a vida da cidadanía. Con este fin, a Xunta busca estender a ciencia á toda a sociedade e, polo tanto, a todo o territorio galego. Para iso crearanse os Plans locais de I+D+i. Esta medida ten como obxectivo que as entidades locais (concellos, deputacións, mancomunidades...) poidan identificar desafíos pegados aos territorios nos que se sitúan e aos servizos que prestan e articular solucións adaptadas a eles.
Tamén cómpre salientar a Compra Pública de Innovación, unha ferramenta que busca crear solucións innovadoras para mellorar os servizos á sociedade. De feito, Galicia é líder estatal na obtención de financiamento europeo a través deste mecanismo. No ano 2024 captou o 40% dos fondos de todo o Estado con 8 proxectos que se porán en marcha en diferentes áreas como a sanidade, o medio ambiente ou a educación. O obxectivo do plan é ampliar os eidos nos que afondar para seguir ampliando os proxectos beneficiarios desta convocatoria.