O Concello do Pino vén de abrir unha nova convocatoria de axudas municipais para estudantes universitarios e de ciclos formativos de grao superior correspondentes ao curso académico 2025/2026.
Segundo publica este martes o Boletín Oficial da Provincia (BOP), o programa contempla dez bolsas de 300 euros cada unha, dirixidas a financiar gastos de matrícula, residencia ou material escolar, ata un importe global máximo de 3.000 euros.
Poderán beneficiarse destas achegas os estudantes que estean empadroados e teñan residencia efectiva no Concello do Pino cunha antigüidade mínima dun ano, e que estean matriculados en estudos universitarios de grao ou máster (non doutoramento), ou en ciclos formativos de grao superior. Ademais, deberán acreditar o cumprimento dos requisitos de renda establecidos nas bases.
O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 15 de outubro de 2025, e a documentación deberá rexistrarse no Rexistro Xeral do Concello ou por calquera dos medios habilitados na Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común.
As bolsas outorgaranse en función das rendas familiares máis baixas entre as persoas solicitantes que cumpran os requisitos.
As bases completas da convocatoria, así como os anexos de solicitude, poden consultarse na páxina web municipal: www.opino.gal.