A Escola de Verán do Pino, organizada polo Concello a través da Concellería de Muller e Benestar Social, chega á súa recta final cun alto grao de satisfacción por parte das familias e unha participación que rolda as 250 prazas cubertas nas tres primeiras quendas desenvolvidas entre o 23 de xuño e finais de xullo. A actividade, que continúa este mes de agosto e rematará coa última quenda do 1 ao 5 de setembro, ten lugar nas instalacións do pavillón de Reboredo e nos exteriores do CPI Camiño de Santiago, en Arca.
Trátase dun programa de conciliación dirixido a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade e o Ministerio de Igualdade a través do Plan Corresponsables. A súa proposta combina lecer e aprendizaxe nun ambiente seguro e estimulante, cun enfoque adaptado ás distintas idades.
Baixo o lema de converterse en “exploradores e exploradoras do saber”, os participantes mergúllanse en obradoiros de arte, ciencia, música e natureza, así como en xogos cooperativos e expresión artística. Entre as actividades máis celebradas nestas primeiras semanas destacan as festas da auga, as olimpíadas, os xogos tradicionais, o karaoke e os concursos de talentos, así como os obradoiros de pinta-caras, tatuaxes ou pulseiras.
A programación tamén incluíu actividades de cociña creativa, como facer pizzas con forma de león ou crear debuxos en pan de molde, mesturando diversión con aprendizaxe práctica. Nos contacontos organizados na Casa da Cultura, os máis pequenos traballaron valores como o respecto, a diversidade e a resolución pacífica de conflitos a través de historias animadas.
A Escola de Verán tamén levou aos nenos e nenas a coñecer o territorio galego, con saídas como a visita á Cidade da Cultura en Compostela, onde desfrutaron dunha mañá de xogos ao aire libre, ou a excursión ao Enredo do Abelleiro en Lalín, onde aprenderon sobre a apicultura, viron colmeas, elaboraron velas e probaron mel.
Dentro das instalacións, tampouco faltaron os retos por equipos como as Pequefest Olimpiadas ou xogos de xeolocalización como o GeoGuessr, nos que se traballaron habilidades como a observación, a imaxinación e o traballo colaborativo.
O Concello do Pino confirmou que a Escola de Verán continuará nas próximas semanas con dúas novas quendas en agosto e unha última do 1 ao 5 de setembro, mantendo o mesmo espírito educativo, creativo e participativo que vén marcando a iniciativa desde o seu inicio. A actividade reafírmase como un recurso clave para a conciliación familiar no municipio, á vez que ofrece aos nenos e nenas un verán cheo de aprendizaxes, amizade e diversión.