Ames celebrará a VI Festa do Apego cunha xornada chea de actividades para fomentar a crianza en galego

Ames celebrará a VI Festa do Apego cunha xornada chea de actividades para fomentar a crianza en galego
O Concello organiza esta cita o sábado 7 de xuño no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, cun completo programa de espectáculos, obradoiros e espazos de xogo pensados para gozar en familia

O Concello de Ames convida a todas as familias a participar na VI Festa do Apego, unha xornada festiva e chea de propostas lúdico-educativas que terá lugar o sábado 7 de xuño no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, en horario continuo desde as 11:00 ata as 21:00 horas. A festa, que pon o broche final ao traballo anual desenvolvido polo Servizo de Normalización Lingüística, busca fomentar unha crianza positiva e creativa en lingua galega a través da música, o teatro, os contos e o xogo compartido.

 

 

 

Entre as actividades destacadas da mañá estarán o espectáculo sensorial Barquiño de pau, a cargo de Tropa de Trapo, e as Brincadeiras da lingua de Migallas Teatro, que recuperan xogos e ditos tradicionais. Pola tarde, a programación continúa con propostas como Pelica de Burra, obradoiro-espectáculo de Vero Rilo e Luís Iglesias para crianzas de 0 a 3 anos, ou Mulleres, ritmo e tradición, un obradoiro musical a cargo de Sabela Olivares.

 

A música será tamén protagonista co concerto de Pablo Díaz e Rubén Barros (Novas vellas melodías, ás 18:30 h) e o peche da xornada ás 20:00 h cun concertazo de A Gramola Gominola, que presentará o seu novo traballo Non somos 5, somos 7!.

 

Ademais dos espectáculos programados, haberá espazos permanentes abertos ao longo do día, como áreas de xogo libre con material natural, xogos de mesa, un espazo creativo para facer monicreques e chapas, e unha mostra de contidos infantís a cargo de editoriais galegas. A ciclobiblioteca ambulante de Anxo Moure percorrerá os espazos da festa levando contos e música.

Ames celebrará a VI Festa do Apego cunha xornada chea de actividades para fomentar a crianza en galego

Te puede interesar