Así foi o paso de Ames pola Feira Internacional de Turismo 2025

Así foi o paso de Ames pola Feira Internacional de Turismo 2025

Este pasado xoves, 23 de xaneiro, o alcalde de Ames e responsable da área municipal de Turismo, Blas García, participou na Feira Internacional de Turismo, que se celebra en Madrid do 22 ao 26 de xaneiro, nas presentacións dos Camiños Fisterra – Muxía e da Ría de Muros Noia. A Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, da que forma parte Ames, puxo en marcha a campaña O Camiño que remata no mar para promocionar dito Camiño de Santiago. Ademais, o Concello de Ames participou na presentación do Camiño Marítimo a través da Ría de Muros Noia.

 

O alcalde de Ames, Blas García, destacou a proposta turística sostible de Ames, “ofrecemos varias rutas de sendeirismo, vinculadas ao río Sar e o Tambre, para que os visitantes aposten por un ecoturismo saudable”, xunto coas relacionadas co Camiño de Santiago. “Somos o único Concello de Galicia e de España, quitando Compostela loxicamente, por onde que pasan tres rutas do Camiño, polo que vimos a amosar toda a oferta que hai polas distintas zonas nas que transcorren estes camiños”.

 

Por outra banda, Blas García, explicou “estamos en Fitur acompañando á Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía e do Camiño da Ría De Muros Noia. É importante participar nestes eventos porque falas e tes contacto cob profesionais e onde tamén se dan a coñecer as bondades do concello. Somos un Concello onde traballamos moito o turismo saudable e medioambiental con sendas para percorrer á beira do río Tambre ou do río Sar. Tamén contamos cun importante patrimonio cultural e artístico. Isto tratamos de mesturalo co progreso e coa modernidade que ten o concello”.

 

Por último subliñou que “estamos a traballar en vertebrar os núcleos rurais coas zonas urbanas do Milladoiro e Bertamiráns para facer ese concello sostible que guste visitar e vivir nel, pensando sempre en que a veciñanza poida vivir con normalidade e máis comodidade”.

 

O Camiño que remata no mar

O stand de turismo de Galicia acolleu este pasado xoves, 23 de xaneiro, a presentación da campaña O Camiño que remata no mar para promocionar dito Camiño de Santiago, que ofrece unha experiencia única que conecta historia, natureza e hospitalidade. Esta ruta xacobea ten a súa orixe na cidade de Santiago e a súa meta no cabo Fisterra e no Santuario da Virxe da Barca de Muxía. O Concello de Ames pertence á Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía.

 

Os peregrinos parten de de Santiago de Compostela, pasando por Ames, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbria, Cee, Corcubión, Muxía e Fisterra. Desde Santiago de Compostela ata o impoñente Faro de Fisterra e o Santuario da Virxe da Barca en Muxía, este é o único camiño que chega ata o mar. A prolongación perfecta do Camiño de Santiago, que combina patrimonio, natureza e gastronomía.

 

Camiño Marítimo a través da Ría de Muros Noia

Por outra banda, a Ría da Estrela presentou en Fitur o primeiro catálogo de peregrinacións marítimas a través da Ría de Muros Noia. O Concello de Ames é un dos membros da da Asociación de Concellos do Camiño da Ría De Muros Noia.

 

O catálogo de peregrinacións marítimas a través da Ría de Muros Noia ofrece unha maneira diferente de facer o Camiño de Santiago nestes tempos, pero que durante séculos foi a máis utilizada tanto por peregrinos do norte de Europa como dos países mediterráneos: navegando. Está amparada pola Oficina do Peregrino, polo que basta con completar 90 millas náuticas en veleiro, selar a credencial do peregrino nos portos que marque a ruta e realizar a pé cando menos os 12 últimos quilómetros (entre Bertamiráns e Santiago) para obter a Compostela.

 

A localidade de Bertamiráns é o punto de partida do último tramo do Camiño de Santiago da Ría Muros Noia. Este camiño, que conxuga mar e montaña, ofrece a posibilidade de realizar unha peregrinación marítima e 12 quilómetros a pé. Para marcar o inicio da última etapa a pé de dito Camiño, o Concello de Ames colocou en febreiro de 2023 unha escultura no parque do Ameneiral. A escultura foi deseñada e executada polo alumnado de segundo curso do Ciclo superior de Técnicas da Escultura da EASD Mestre Mateo. Dita escultura representa o mar.

 

Stand Xa estás en Galicia!

Cómpre salientar que o stand de Galicia foi elaborado pola empresa amesá, Escenoset, que ten a súa sede no parque empresarial do Milladoiro. Ademais, o elemento principal do set, un bosque galego con máis de 30 especies, foi recollido integramente en Ames. A Xunta reutilizou, cun novo deseño máis actual e na liña das demandas turísticas do momento, o stand da pasada edición, que foi galardoado co Premio ao ‘Mellor Stand de Fitur 2024’, co obxecto de seguir parámetros de sostibilidade aproveitando materiais e recursos xa dispoñibles.

Así foi o paso de Ames pola Feira Internacional de Turismo 2025

Te puede interesar