O concello de Ames acolle un ano máis a segunda proba do circuíto de ciclismo de montaña Transgalaica 2025. Este domingo, 16 de marzo, será a novena ocasión na que o concello acolla este evento deportivo, unha das citas con maior repercusión no mundo do ciclismo no noroeste español. Esta proba, organizada polo club ciclista amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay (Transgalaica), conta coa colaboración do Concello de Ames.
Os 301 ciclistas inscritos nesta edición terán que dar dúas voltas a un circuíto de 32 quilómetros completando un percorrido de 64 quilómetros e que conta cun desnivel de 1.501 metros. Por motivos loxísticos e de seguridade, establécese un control de paso no quilómetro 33 da proba. Os/as participantes que non pasen por el antes de 2 horas e 10 minutos deberán retirarse clasificando co tempo marcado nese punto.
A proba dará comezo ás 9:30 horas diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para pasar despois por Aldea Nova, Aguapesada, seguindo por Lamas, ata chegar ás instalacións do Real Aeroclub de Santiago en Piñeiro, o Monte San Marcos e Ventosa. Dende aí volverase ata Bertamiráns por Aldea Nova. Estímase que os primeiros ciclistas completen a primeira volta sobre as 10:49 e a segunda sobre as 12:03 horas. Antes, dende as 8:00 horas, comezará a entrega de dorsais na propia zona do Pazo. Así mesmo, a entrega de premios terá lugar a partir das 14:00 horas.
Unha das principais novidades deste ano será a incorporación adicional dunha carreira sprint, na que o seu resultado computará puntos para a clasificación xeral absoluta da Transgalaica. Só puntuarán os primeiros 25 clasificados en pasar pola liña de meta na primeira volta.
O percorrido desta edición será semellante ao das pasadas edicións. Na segunda volta, non se subirá á zona de Aldea Nova e os participantes irán directamente polo sendeiro fluvial “Rego dos Pasos”, que estará debidamente indicado o propio día da proba. Pódese consultar a ruta oficial da proba deste domingo na páxina de wikiloc.
Por mor do desenvolvemento da proba, durante esta fin de semana a avenida José Luis Azcárraga, onde está situado o Pazo da Peregrina, sufrirá varias restricións ao tráfico por ser o punto de saída e meta. Pódense consultar as restriccións na seguinte ligazón.
Recoméndase evitar as vías mencionadas e utilizar un desvío alternativo desde Covas cara Bertamiráns pola DP-0203 (Augapesada-Bertamiráns), AC-453 (Roxos– Portomouro) e AC-543 (Santiago–Bertamiráns).
Poderán participar na proba todos os corredores e corredoras con licenza de ciclismo en vigor para a tempada 2025, ou ben aquelas persoas que tramiten unha licenza de 1 día.
As categorías nas que se pode participar son a masculina absoluta (S23, elite, M30, M40, M50, M60), feminina absoluta (S23, elite e máster), Transgalaica do Futuro (Junior federados masculina e feminina) e open (cicloturistas e ciclistas con licencia de 1 día). As inscricións están abertas ata este mércores 12, ás 23:59 horas, premendo nesta ligazón ou accedendo á web magmasports.es. As persoas federadas teñen unha cota de inscrición de 20 euros (excepto os federados Junior, que competirán a un custe de 0€), mentres que as non federadas deberan abonar 32 euros (22 euros de inscrición + 10 euros pola licenza de 1 día).
A orde de saída estará determinada nos seus 100 primeiros postos polas 100 primeiras posicións da clasificación xeral absoluta da Transgalaica. A organización resérvase ademais 10 dorsais de libre designación. O resto de ciclistas colocarase por orde de inscrición. Estableceranse as clasificacións individuais masculina, feminina e clasificación por equipos. Para a clasificación xeral individual puntuarán as 75 primeiras persoas da clasificacións absoluta de cada proba. A maiores, establecerase unha clasificación por categorías para a que puntuarán os 25 primeiros de cada categoría.
Ademais destas puntuacións, haberá trofeos para os tres primeiros de cada sub-categoría, tanto masculina ( S23, elite, M30, M40, M50/60), como feminina (elite-sub23 e máster).