O Pico Sacro, en Boqueixón, converterase este domingo nun enclave máxico coa celebración da Cerimonia do Lume Sagrado, unha festa de inspiración celta que recupera os ritos do solsticio de verán. A cita será o 22 de xuño ás 13.00 horas, e estará encabezada pola raíña Alda e o seu séquito, que simbolizarán a conexión ancestral co Sol mediante a acendida do lume sagrado.
A actividade conta coa colaboración da Asociación Cultural O Castro da Fervenza de Callobre (A Estrada), e estará ambientada pola música do grupo Son de Gaita, de Sergude. O evento ofrece tamén a posibilidade de participar activamente como parte do séquito, solicitando un traxe de época no Departamento de Turismo de Boqueixón antes do venres 20 de xuño. As persoas interesadas deben contactar no correo boqueixonturismo@gmail.com ou chamar ao 981 513 061.
Un dos momentos máis simbólicos da xornada será a recollida do lume sagrado, que os asistentes poderán levar ás súas casas en candeas ou farois para prender as fogueiras da noite de San Xoán. Esta iniciativa busca reforzar o carácter ritual e comunitario desta celebración, que foi recuperada o ano pasado tras anos de suspensión por causa da pandemia e das condicións meteorolóxicas adversas.