Semente Compostela, unha escola para medrar sen renunciar á propia identidade

As escolas Semente naceron coa vocación de ofrecer unha educación en galego coa fin de reverter os procesos de substitución lingüística que afectan a cada vez máis comunidades de falantes. Compostela acolleu o primeiro centro destas características
Semente Compostela, unha escola para medrar sen renunciar á propia identidade
Álvaro Mera e Beatriz Bieites

A emerxencia lingüística é unha realidade. A lingua galega perde falantes a un ritmo preocupante e en Compostela, unha das cidades nas que tradicionalmente máis se conservaba o idioma, é cada vez menos frecuente o seu uso entre a xente nova

 

Son moitas as iniciativas que diferentes colectivos e asociacións levan a cabo para reverter esta situación. Un dos ámbitos chave no que cómpre intervir é na escola, espazo de socialización da rapazada e onde constrúen, paulatinamente, a súa identidade.

 

O galego é tamén sinal de identidade e elemento fundamental da cultura propia. De aí a relevancia de loitar contra os estereotipos e prexuízos que a asolagan e crear espazos para poder falar o idioma con naturalidade e seguridade. 

 

Nestas ideas fundaméntase a filosofía de Semente Compostela, a única escola de ensino galego na cidade. Os centros Semente son unha iniciativa social sen ánimo de lucro que naceron no ano 2011 da man da asociación Gentalha do Pichel, se ben pronto cobraron vida propia. Pretenden, ante os procesos de substitución lingüística que se están a producir en distintas partes de Galicia, demostrar que non é necesario abandonar a lingua materna para adquirir outras novas e desenvolverse no mundo. 

 

Desde os seus inicios, as escolas Semente traballan man á man con outros colectivos sociais na busca da xustiza social e son parte activa na comunidade. A de Santiago foi a primeira en nacer, mais hoxe xa están na Coruña, en Lugo, en Vigo e no territorio de Trasancos.

 

A rúa das Salvadas acolleu a primeira escola Semente, que inicialmente só recibía a alumnado de infantil. Foi a maneira máis alcanzable de comezar, xa que a escolarización nesa etapa non é obrigatoria. Beatriz Bieites, representante da Comisión Xeral de Semente Compostela, explica que o obxectivo primeiro do centro era “intervir nos momentos críticos de adquisición da linguaxe, isto é, entre os 0 e os 2 anos”. 

 

O primeiro ano foi complicado, porque só tiñan a tres crianzas, mais o equipo xa contaba con iso “por sermos un proxecto autoxestionado e asociativo. Mais sabendo que non ía haber xente seguimos porque non temos un fin lucrativo”, indica Beatriz. Así, no segundo ano en funcionamento xa triplicaron o alumnado e aos catro anos tiveron que abrir outro local. 

 

A comunidade da Semente pronto demandou levar o proxecto máis alá e foi así como se introduciu a educación primaria nestas na escola de Santiago. Na actualidade o centro agrupa a infantil e a primaria nun mesmo espazo situado en Moas de Abaixo. É un lugar privilexiado non só por contar co sitio necesario para acoller a todos os rapaces, senón porque conta cunha inmensa área natural na que os cativos poden interactuar coa natureza e gozar ao aire libre.

 

Semente patio
O patio da escola Semente

 

Atopar e facerse co espazo foi unha demostración de que as escolas Semente contaban cun apoio real por parte da comunidade: “fixemos un crowdfounding para recadar os fondos, e ver como había resposta foi o que dou sentido a este proxecto de ensino popular que depende do apoio da súa base social”, sentenza Beatriz. 

 

Pedagoxía transformadora

 

Álvaro Mera, coordinador pedagóxico de Semente Compostela, comenta que o proxecto naceu cunha idea lingüística clara pero tamén por unha cuestión pedagóxica: “o noso xeito de facer ten que ter en conta as características do grupo e da contorna. Non nos pechamos a métodos concretos, empregamos todo o que nos é útil”, explica.

 

O noso xeito de facer ten que ter en conta as características do grupo e da contorna. Non nos pechamos a métodos concretos, empregamos todo o que nos é útil

 

A idea que vertebra a escola é que esta debe ser unha “ferramenta transformadora que forme persoas críticas”. Para iso empregan dinámicas cooperativas e fomentan a autonomía dos propios rapaces, e entenden que as súas motivacións son o motor da súa aprendizaxe.

 

Semente aula
As aulas

 

As aulas son inter idades, o alumnado de infantil aprende á par mentres que en primaria se agrupan por ciclos. Do mesmo xeito, a estrutura das aulas non responde a materias, senón que as crianzas rotan por diferentes ámbitos de traballo. Tampouco empregan libros de texto, senón que elaboran propostas propias que responden a unha visión construtivista da educación

 

O éxito de Semente Compostela é evidente cando cada vez máis familias apostan polo seu proxecto. “O certo é que se non queren que as súas crianzas perdan a lingua materna, non hai outra alternativa”, asegura Beatriz. Agora a escola conta con 90 alumnos entre infantil e primaria, e todos eles falan galego na escola: “é unha maneira de conservar a lingua sen heroicidade nin esforzo. Na Semente regalamos vivir en galego coma se fose normal”.

 

Deste xeito, funcionan como un servizo comunitario no que as familias se refuxian e que, verdadeiramente, consegue crear un ecosistema lingüístico no que os cativos se senten cómodos: “gañan en autoestima, ven que o galego se pode empregar para brincar, para aprender, para xogar etc. Eles usan o galego o 100% do seu tempo. E o importante é que iso non se produce a través de mecanismos de imposición”.

 

Ven que o galego se pode empregar para brincar, para aprender, para xogar etc. Usan o galego sempre e o importante é que iso non se produce a través de mecanismos de imposición

 

Con todo, para que unha lingua se conserve non basta con actuar na escola. Hai outros dous piares fundamentais nos que se debe traballar: a familia e o ámbito non formal. Neste último caso, a Semente, como parte dos movementos sociais, organiza actividades extraescolares e contribúe á consolidación de sociedades deportivas, cineclubes etc. a través da colaboración con outras organizacións, sempre e cando se demostre que hai un respecto pola lingua propia.

 

Tanto Beatriz coma Álvaro coinciden en que a lingua “non pode sobrevivir se o falante non ten competencias en todas as destrezas nin a todos os niveis”. Por iso, o proxecto da Semente non pode parar e debe medrar. O seguinte paso lóxico, por tanto, é lograr acoller a etapa da secundaria. 

 

É complexo, xa que son necesarias moitas xestións e porque o apoio institucional é fundamental. As escolas Semente están homologadas mais están consideradas centros privados estranxeiros a efectos legais, se ben a realidade é que non existe ánimo de lucro e que, por riba de todas as cousas, o seu valor fundaméntase no seu servizo á sociedade en prol da defensa da xustiza social e da promoción e conservación da lingua galega, a lingua propia da comunidade.

Semente Compostela, unha escola para medrar sen renunciar á propia identidade

Te puede interesar