O Pico Sacro volverá a ser este venres, 12 de setembro, escenario dunha das súas noites máxicas coa actuación da compañía Queiman e Pousa, que ofrecerá un concerto-espectáculo no que se funden a tradición celta e a música rock. A cita está organizada polo Concello de Boqueixón en colaboración coa Xunta de Galicia e contará con entrada totalmente libre.
En total, once artistas —entre cantantes, músicos e actores— subirán ao escenario para unha posta en escena de preto dunha hora. A proposta busca impactar ao público cunha estética visual coidada e unha forza musical que conecta co legado celta, nunha contorna marcada polos mitos e lendas deste monte emblemático.
Será o segundo ano consecutivo no que Queiman e Pousa actúan no Pico Sacro. En setembro de 2024 presentaran o espectáculo Camiño Máxico, no que deron vida á lenda da Raíña Lupa e mesmo fixeron “aparecer” o dragón do Monte Ilicino.
A actuación deste venres reforza tamén a proxección do Pico Sacro como recinto cultural de referencia, despois de acoller o pasado 30 de xullo o concerto de Carlos Núñez dentro da súa xira Lugares máxicos 2025.