A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor a aposta do Concello de Brión polo fermosismo e a protección da paisaxe durante a visita que realizou aos lavadoiros de Alqueidón e Boaventura, que foron rehabilitados ao abeiro da orde de axudas da Xunta para a corrección de impactos paisaxísticos.
A conselleira salientou que este concello coruñés recibiu máis de 16.000 euros para estas dúas actuacións de fermosismo na convocatoria de 2024. Deste xeito, no lavadoiro de Alqueidón empregouse material coloreado con pigmentos naturais para os muros de pedra, limpáronse as vigas e o teito e substituíuse unha parte asfaltada da contorna por un pavimento de lousas de pedra, que, segundo explicou Ángeles Vázquez, é un material máis acorde tanto con ese elemento etnográfico como coa paisaxe onde se localiza.
No caso da fonte-lavadoiro de Boaventura, a actuación consistiu en eliminar a gran cantidade de formigón que presentaba e foi substituído por outros materiais máis acordes e harmoniosos como a pedra.
Durante a súa visita, na que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, a conselleira fixo fincapé no grande interese que xeran estas axudas entre as entidades locais e a veciñanza. Na convocatoria de 2024 aprobáronse apoios a un total de 346 particulares e 50 concellos, dos que a maioría corresponden á provincia de Ourense (20), seguidos de Lugo (13), A Coruña (11) e Pontevedra (6).
A maiores, a conselleira lembrou que desde a posta en marcha desta iniciativa, no ano 2021, o Goberno galego apoiou con 9,5 M€ a máis de 110 entidades locais e a 2.100 familias na execución de obras e actuacións para mellorar a imaxe exterior dos seus inmobles. E este ano 2025 a Xunta achegará outros dous millóns de euros para continuar a apoiar o desenvolvemento de actuacións de fomento do fermosismo e de protección da paisaxe na Comunidade.