A Secretaría Xeral da Emigración, dependente da Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración, acaba de publicar a listaxe definitiva da mocidade galega do exterior que cursará un mestrado a través das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que este ano acadan a súa novena edición. Das 250 persoas beneficiarias, un total de 87 cursarán un mestrado na Universidade de Santiago de Compostela.
Este programa ten como obxectivo promover o retorno da mocidade galega residente no exterior, facilitándolles a continuidade dos seus estudos de posgrao en Galicia e reforzando os vínculos coa súa terra. Das 250 persoas que acadaron bolsa, a maior parte procede de América Latina, con Arxentina á cabeza cun total de 98 estudantes; seguida de Uruguai con 33, Cuba con 31, Venezuela con 22 e Brasil con 20. Outros 17 estudantes proceden de Europa, de países como Reino Unido, Francia, Alemaña, Países Baixos, Bélxica, Finlandia, Irlanda, República Checa, Suíza e Suecia.
As bolsas BEME teñen unha contía económica que varía entre 8.000 e 12.500 euros, dependendo da procedencia xeográfica das persoas beneficiarias e do número de créditos a realizar e destínanse a cubrir gastos como matrícula, viaxes, aloxamento e manutención durante o período académico en Galicia.
Enmárcanse na Estratexia Galicia Retorna, que conta con máis de 100 medidas destinadas a facilitar o regreso e a integración plena de persoas retornadas. Entre elas, as cinco oficinas físicas de atención ao retorno en Galicia, unha oficina móbil que percorre o rural galego, e o acompañamento previo ao regreso a través das delegacións no exterior e os centros galegos.
No 2024-2025 accederon a estas bolsas outros 250 mozos e mozas para estudar máis de 80 mestrados diferentes nas tres universidades públicas galegas. En total, desde 2017 e coa convocatoria do próximo curso lévanse beneficiado das bolsas BEME máis de 1.700 persoas procedentes de máis de 40 países.
En relación aos resultados do programa, destaca que preto do 80% dos bolseiros (cunha idade media de 29 anos) deciden quedarse en Galicia, máis do 60% atopan emprego e o 90% recomenda a experiencia.