Casa RIA (Virxe da Cerca 6, Santiago de Compostela) acollerá o mércores 10 de setembro ás 18.00 horas a inauguración da cuarta e última entrega do ciclo «Universidade e territorio», unha mostra co traballo desenvolvido polo alumnado da Universidad de Navarra arredor da aldea de Muimenta. A exposición poderá visitarse ata o 11 de outubro, de luns a sábado en horario de 10.00 a 17.00 horas, con entrada libre ata completar capacidade.
A proposta reúne proxectos que reflexionan sobre o despoboamento, o abandono das aldeas e a necesidade de recuperar o territorio e as súas actividades produtivas. As intervencións formuladas polo estudantado apostan por reactivar o rural mediante novos usos, dinámicas comunitarias e ferramentas legais e técnicas que permitan garantir unha recuperación sostible.
A inauguración contará cunha presentación inicial da mostra e coa primeira das catro conversas abertas ao público. Titulada «Recuperar a terra: instrumentos para a reactivación agroforestal», reunirá a Inés Santé Riveiro, doutora enxeñeira agrónoma e profesora titular do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC, e a Quico Ónega López, enxeñeiro agrónomo e investigador do Laboratorio do Territorio da mesma universidade. O debate xirará arredor da Lei de recuperación do territorio e das ferramentas dispoñibles para promover o uso produtivo e comunitario das terras abandonadas.
O calendario completarase con outras tres sesións:
Todas as actividades son gratuítas e con prazas limitadas.
A exposición enmárcase no ciclo «Universidade e territorio», promovido pola Fundación RIA ao longo do verán de 2025, no que tamén participaron a Universitat Internacional de Catalunya, a Universidad de Alcalá e o MIT. O obxectivo da iniciativa é conectar universidades nacionais e internacionais con retos concretos do territorio galego, favorecendo un proceso de aprendizaxe situada que inclúe diálogo coa veciñanza, elaboración de cartografías, identificación de necesidades e propostas estratéxicas.
Deste xeito, as achegas académicas abordan o despoboamento rural, a valorización das paisaxes produtivas, a dinamización das economías locais e a ordenación do territorio, convertendo o coñecemento nunha ferramenta para abrir camiños compartidos cara a un futuro sostible.