Nunha localización privilexiada, no interior do parque de Vista Alegre e rodeado de natureza e do canto dos paxaros, atópase un vistoso edificio de pedra con forma de cubo. A peza, deseñada polo arquitecto Antón García-Abril Ruíz, é arte en si mesma, mais o que se atopa no interior non queda atrás. Aí fórmase ano tras a ano a próxima canteira de músicos profesionais da cidade.
A Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia (EAEM) é unha das apostas máis potentes de Compostela por potenciar o talento e a dinamización do tecido musical da comunidade. Creouse no 1997 da man da Real Filharmonía de Galicia (RFG), a orquestra que tamén ten a súa sede en Santiago, no Auditorio de Galicia, e que cada tempada ofrece ao público compostelán a oportunidade de escoitar monumentais repertorios cunha interpretación de alto nivel.
A EAEM fúndase co obxectivo de aproveitar o valor dos grandes solistas da Filharmonía para formar aos músicos galegos. De titularidade pública e hoxe tamén vencellada ao Consorcio de Santiago e á Universidade, a escola ofrece grande variedade de cursos con profesores de alto nivel que atraen a multitude de estudantes.
Desde o ano 2000, Enrique Meyer Pleite é o xefe de estudos e responsable da EAEM. El é quen nos informa dos distintos tipos de formación que se ofrecen na escola e aos que se pode acceder mediante probas de acceso que habitualmente se celebran nos meses de maio e xuño. Aínda que as convocatorias están abertas para todo o mundo, é recomendable residir en Galicia para asegurar unha asistencia regular ás clases.
As diferentes modalidades académicas que se brindan na escola seguen unha traxectoria ascendente, de xeito que hai opcións para todos os niveis. A primeira posibilidade é o curso de corda para nenos, orientado a rapaces que tocan algún instrumento de corda coma o violín ou o violonchelo, entre outros. “Los instrumentos de cuerda son muy complejos. Si no se empieza desde pequeño existe el riesgo de adquirir malas posturas o hábitos. Este curso está pensado para consolidar la formación de los músicos de cuerda más jóvenes y ayudarles en su proceso de estudio”, explica Enrique Meyer.
El curso de cuerda para niños parte de la base de que los instrumentos de cuerda son muy complejos. Si no se empieza desde pequeño existe el riesgo de adquirir malas posturas o hábitos
O curso de especialización instrumental está indicado para persoas cun nivel xa profesional, e de feito recoméndase que para presentarse ás probas o alumnado estea xa nos últimos anos do grao medio dos conservatorios ou no superior. Está moi demandado, e proba diso é que nas probas de selección deste ano se cubriron todas as prazas e mesmo hai persoas en lista de agarda para acceder.
Este curso céntrase na formación dos estudantes galegos, quen terán a oportunidade de recibir 15 horas de clases individuais con solistas da Filharmonía repartidas ao longo do ano académico, ademais da posibilidade de tocar en conxunto nunha orquestra formada por todo o alumnado en diferentes momentos e espazos da cidade.
Doutra banda, ao longo do ano a EAEM tamén organiza clases maxistrais para distintas especialidades instrumentais que son impartidas por solistas de prestixio internacional. A convocatoria está aberta para todo aquel que desexe asistir, aínda que tamén se recomenda estar cursando os últimos cursos do grao profesional como mínimo.
Finalmente, o curso avanzado de especialización orquestral (CAEO) é un dos grandes atractivos da Escola de Altos Estudos Musicais, que ademais ten a distinción de título propio da Universidade de Santiago de Compostela. O seu propósito é a formación de estudantes de cara a súa inserción en orquestras profesionais, de xeito que na súa aprendizaxe o alumnado ten a oportunidade de integrarse cos músicos da Filharmonía en varios dos seus programas.
Este título ofértase desde o ano 2011 e creouse a semellanza doutros cursos impartidos no norte de Europa, coñecidos como academias, e que teñen a vocación de facilitar aos músicos a súa entrada en grandes orquestras xa que o proceso adoita ser complexo non só a nivel profesional, senón mental.
“Además de las clases instrumentales, tenemos otras vinculadas con lo que se espera de los músicos como profesionales. Reciben formación sobre los requisitos administrativos que se suelen pedir para acceder a las orquestras, cursos sobre gerencia de orquestras y talleres para trabajar el control mental y para superar el miedo escénico. También hay aulas de consciencia corporal y de interpretación emocional”, engade Meyer.
Los alumnos del CAEO reciben formación para trabajar el control mental y para superar el miedo escénico, así como talleres de consciencia corporal y de interpretación emocional
Neste curso académico hai dous alumnos de Compostela no CAEO, Pedro Budiño de violín e Xiana Baliñas de viola. Meyer refire o orgullo que supón para a escola o caso de rapaces coma Budiño, quen comezou a súa formación no curso de corda para nenos, continuou no de especialización instrumental e hoxe está no de especialización orquestral, o de máximo nivel.
Ademais de educar profesionalmente aos seus músicos, a Escola de Altos Estudos Musicais ten un forte compromiso coa divulgación. A través do programa ‘A Escola na cidade’ organízanse concertos do alumnado en diferentes espazos de Santiago, coma o Auditorio de Galicia ou o Paraninfo da facultade de Xeografía e Historia. A maiores, dentro do ciclo ‘Concertos nos barrios’ da Real Filharmonía de Galicia unha selección de alumnos do CAEO teñen a oportunidade de tocar como solistas na agrupación. Estes concertos teñen a particularidade de moverse polos distintos barrios de Compostela, co gallo de achegar a música a toda a veciñanza.
O seu forte compromiso co tecido musical da cidade fixo que a EAEM sexa un referente e a primeira opción de moitos músicos para complementar a súa formación. Meyer considera que as motivacións do alumnado para elixir a escola radican no “valor de los profesores, solitas de grandes orquestas que están altamente cualificados”. O responsable da EAEM tamén salienta o grande nivel do alumnado, que medrou nos últimos anos debido, en parte, á mellor formación dos seus mestres, “muchos de los cuales son exalumnos nuestros”. Por este motivo, a visión de futuro da escola é seguir como ata agora pero sempre con ánimo de mellora.