A actual vaga de calor non supera “o récord de temperatura” rexistrado en Compostela no 1990

O coordinador científico do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, analiza os últimos veráns santiagueses
A actual vaga de calor non supera “o récord de temperatura” rexistrado en Compostela no 1990
Peregrinos na Praza do Obradoiro neste verán de 2025 | Santi Alvite

“O actual é un episodio longo de calor na contorna de Compostela, e en Galicia en xeral, pero tivémolos bastante peores anos atrás, con rexistros abafantes”. Así define o coordinador científico do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC a vaga de calor que atravesa o país nestes días. As temperaturas medidas na estación do Observatorio, centro colaborador da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), chegaron aos 35º8 o 4 de agosto, temperatura máxima rexistrada este mes. 

 

Tomando como referencia só ás últimas décadas, e considerando unicamente os casos mais severos, o profesor Docobo destaca o sucedido durante a vaga de calor de xullo de 1990, na que non só se superaron os 35º en cinco xornadas, senón que os 40º3 do día 20 de xullo de 1990 eríxense “no récord de temperatura na cidade de Santiago de Compostela”.


Agosto de 2003 fora un mes moi caloroso con 14 días por enriba dos trinta graos. En xullo de 2006, outra vaga de calor, valores intensos nas temperaturas máximas dende o día 9 (30º3) ata o día 17 (38º7). Tamén en 2006, a calor volveu con forza a comezos de setembro durante cinco xornadas e cunha máxima de 38º4 o día 5 dese mes.


Sete anos despois, en xullo de 2013, repetiuse unha situación semellante con 13 días con máximas por enriba dos trinta graos. A comezos de setembro de 2016, houbo tamén unha serie de días con temperaturas moi elevadas, que culminaron o día 6 con 38º7.


A finais de maio do ano 2020 pasouse dos trinta graos en catro xornadas, con 33º2 o día 28; mentres que no primeiro terzo do mes de outubro de 2023, rexistráronse máximas superiores aos trinta graos en cinco días, destacando os 32º3 do día 7. “Tampouco hai que esquecer os  días de forte calor de finais de xuño deste mesmo ano 2025 con 35º5 o día 29, 34º2 o día 30 e 34º0, o 28”, lembra o profesor Docobo.


En canto a noites calorosas, a situación actual “non nos deixou tampouco temperaturas mínimas  excesivamente altas”, sinala. As noites mais cálidas foron as do día 8 ao 9 e a seguinte, en ambos os casos o termómetro non baixou dos 18º3. Pola contra, no episodio de xullo de 1990, houbo noites con mínimas de ata 21º9.  “Como curiosidade cómpre dicir que aínda que o normal é que as máximas do ano teñan lugar nos meses de xullo e agosto, puntualmente estas teñen acontecido en xuño (como no ano 2000), setembro (ano 2009), e mesmo en maio (ano 2019)”, explica o coordinador científico do Observatorio.


Chuvia

No referente ás precipitacións, este ano medíronse 29,4 l/m2 en xuño e 12,3 l/m2 en xullo, e de momento nada en agosto. O último día que choveu en xuño foi o 25, con 2,8 l/m2. En xullo case toda a chuvia caeu a noite do 19 ao 20, con 11,7 l/m2. Ben é certo que na segunda quincena de maio  só houbo precipitacións inapreciables (menos de  0,1 l/m2) e polo tanto "a seca vén de atrás", explica Docobo, pero dende comezos de ano ata mediados de maio xa se recolleran na estación do Observatorio Astronómico mais de mil litros/m2.

 

“Obviamente, en rexistros pretéritos tamén aparecen longos períodos de seca, non só estivais”, subliña. Así, en 2018 deuse un intervalo que vai dende o 12 de xuño ata o 10 de outubro (4 meses), nos que só se rexistraran  93 l/m2. Tamén en 2016, dende o 17 de xuño ata o 12 de setembro (case 3 meses), a choiva medida só foi de 13,8 l/m2. De cando en vez, en xullo, tampouco chove en Compostela, lembra Docobo, tal e como aconteceu en 2020. Ese verán a seca completa estendeuse ata o 11 de agosto.

A actual vaga de calor non supera “o récord de temperatura” rexistrado en Compostela no 1990

Te puede interesar