O equipo de baloncesto ADB Fontiñas acadou unha incrible vitoria ao derrotar ao CB Ames por 71 - 73, proclamándose gañador da liga zonal masculina de Santiago por primeira vez na súa historia.
Foi un partido emocionante e disputado até o último segundo, xogado en Noia como campo neutral, e amosou a paridade entre ambos equipos. Ames arrancou con 6 – 0 favorable que obrigou ao primeiro tempo morto do ADB no minuto dous. A partir dese momento a igualdade foi unha constante no marcador, ate que un dous máis un de David Area poñía ao ADB por diante por primeira vez para rematar o primeiro cuarto 19 – 21.
O inicio do segundo cuarto foi do ADB Fontiñas, que acadou unha vantaxe máxima de 9 puntos que estivo a piques de romper o partido, pero unha serie de precipitacións e o bo acerto de Ames levaron a un parcial a favor do equipo local de 27 – 8, o que puxo contra as cordas ao Fontiñas, salvado por unha espectacular tripla de Mario Franco de medio campo sobre a bocina do descanso, o que deixaba o marcador nun 46 – 40 e todo por decidir.
O terceiro cuarto comezou de branco e azul cun parcial de 14 – 0 para Fontiñas onde Ames estivo case cinco minutos sen anotar. Sen embargo, no final do período conseguiron repoñerse e rebaixaron a distancia a tan só 4 puntos para o inicio do último período.
A partir deste momento o ADB sempre foi por diante no marcador, pero os nervios fixeron acto de presenza e un Ames moi loitador, en especial con canastras de moito mérito de Yeray Rodríguez, mantivo as súas opcións até o final. A falta dun minuto un dous mais un a prol do ADB poñía o que parecía unha distancia insalvable de 6 puntos, pero unha tripla rápida e un dous máis un para Ames poñía o partido patas arriba: 71 – 73 para o ADB a falta de tres segundos e tiro libre para Ames. Tirou a fallar Juan Souto, e aínda que Ames conseguiu o rebote, unha boa defensa final evitou a canastra e unha posible prórroga.
O club quere agradecer o apoio incondicional dos seguidores e seguidoras, que foron unha peza clave para a vitoria, desprazándose máis de 100 persoas até Noia para ver o partido en directo. Tamén quere expresar o seu agradecemento aos anfitrións, Noia, así como un enorme recoñecemento a Ames polo seu espírito de loita e entrega.
Con esta vitoria, o ADB Fontiñas non só se proclama campión da liga zonal masculina de Santiago, senón que agora se prepara para disputar a fase de ascenso, coa ilusión de seguir acadando novos éxitos. É de sinalar ademais que o equipo autonómica feminino logrou tamén este fin de semana a súa clasificación á final da Liga Norte, que xogará o 27 de Abril na Coruña contra Sagrado Corazón, de Lugo, no que agardamos novos éxitos.
Por último, o equipo autonómica masculino está xogándose o ascenso a nacional. Na actualidade marcha 4º na fase de ascenso en posición de xogar a Final Four, con opcións reais de poder aumentar unha categoría, demostrando así a boa saúde do baloncesto no club.
71 - C.B. Ames: Reino (6), Franco (15), Landaeta (13), Rodríguez (30) e Souto (2) -cinco inicial- Cebey (0), Aguado (0), Antón (0), Rodríguez (5), Sampedro (0), Fernández (0) e Porto (0).
73 - ADB Fontiñas: Area (17), Lata (8), Santos (10), Iglesias (13), Franco () -cinco inicial- Fernández (0), Estévez (5), Balsa (0), Vázquez (0), Balsa (3), Nóvoa (0), Casal (5), Franco (12).