O ADB Fontiñas recada máis de 1.000 euros para o cancro infantil

O ADB Fontiñas recada máis de 1.000 euros para o cancro infantil
Un dos equipos da ADB Fontiñas

A Agrupación Deportiva Baloncesto Fontiñas (ADB Fontiñas) conseguiu recadar máis de 1.000€ este fin de semana no marco da campaña Canastras Contra o Cancro Infantil, unha iniciativa organizada pola Fundación Unoentrecienmil. Este esforzo solidario ten como obxectivo financiar proxectos de investigación para combater o cancro infantil, unha causa que mobiliza a toda a comunidade deportiva.


A campaña consistía en transformar os puntos anotados polos equipos do ADB Fontiñas durante os partidos disputados este fin de semana en doazóns económicas. O club non só alcanzou o obxectivo inicial, senón que conseguiu máis que duplicar a cifra de puntos anotados, demostrando o seu compromiso tanto no terreo de xogo como na loita contra esta enfermidade.


A iniciativa contou coa participación e implicación de xogadores, adestradores, familias e afeccionados, que se uniron para sumar esforzos nesta causa solidaria. O ADB Fontiñas quere destacar o apoio de todos os patrocinadores e colaboradores que fixeron posible superar a meta de recadación, así como o traballo da Fundación Unoentrecienmil pola súa incansable loita contra o cancro infantil.


O ADB Fontiñas é un club que se caracteriza pola súa intensa actividade social, demostrando un firme compromiso coa comunidade máis aló do ámbito deportivo. Entre as súas iniciativas destacan a campaña de apoio ás persoas refuxiadas que se atopan en Santiago de Compostela, onde o club colabora activamente realizando actividades deportivas con eles, así como realizou unha exitosa campaña de doazón de calzado deportivo. Tamén ten participado en diversas accións para o fomento do deporte feminino, promovendo a igualdade e a participación das mulleres no baloncesto.


Desde o club, queren transmitir a súa ilusión por seguir participando en iniciativas como esta, que combinan o espírito deportivo coa solidariedade. “Estamos moi orgullosas do esforzo de todos os nosos equipos e da resposta da comunidade. Cada punto anotado é un paso máis na loita contra o cancro infantil”, destacou Adrián Dios Vicente, Presidente do ADB Fontiñas.


A ADB Fontiñas anima a toda a cidadanía a seguir sumándose a este tipo de iniciativas e a apoiar as organizacións que traballan día a día para erradicar esta enfermidade.

O ADB Fontiñas recada máis de 1.000 euros para o cancro infantil

Te puede interesar