A sétima edición do TradFest Compostela celebrarase este domingo 27 de xullo cunha programación que conxuga música tradicional, artesanía e memoria oral, e que terá como colofón os concertos de Tres Pesos e Baiuca na Praza da Quintana. O festival, promovido polo Concello de Santiago e La Voz de Galicia, está producido por aCentral Folque e Nordesía, e conta co apoio da Agadic.
A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, presentou este mércores o evento acompañada de Vítor Belho, promotor do festival; Felisa Segade, integrante de Tres Pesos; e Jacobo Sutil, director da Agadic. Lueiro destacou a diversidade da programación e animou a veciñanza a continuar gozando das festas do Apóstolo. Nesa mesma liña, Segade adiantou que o seu grupo presentará o novo traballo Cantares e contares e que “haberá sorpresas no espectáculo”.
Unha das principais novidades deste ano será o acto de apertura no Museo do Pobo Galego: Conversa con Antón Santamarina, conducida pola poeta Alba Cid, nun contexto no que a cultura oral e as cantareiras terán un protagonismo especial. A xornada tamén permitirá visitar a exposición Cantareiras. Oralidad, creación, transmisión entre as 11.00 e as 13.45 horas.
Durante todo o día haberá ruadas a cargo de Os Viqueiras e Os Enxebres de San Lázaro, así como unha feira de artesanía e música repartida entre Mazarelos, San Domingos de Bonaval e A Quintana.
O primeiro concerto do día terá lugar ás 12.00 horas na Praza da Quintana, co espectáculo Paseos, a cargo da Banda de Música de Santiago dirixida por Casiano Mouriño, acompañada polo gaiteiro Pedro Lamas e a cantareira Merchi Rodríguez. Entre as 12.30 e as 20.30 horas seguirán actuacións de grupos como Chruinne, Cocanha, Faltriqueira, Xiro, Mediarea, Irmaus da Raia Seca e Pesdelán, distribuídos entre Bonaval e Mazarelos.
A gran fin de festa chegará coa actuación de Tres Pesos ás 21.30 horas e de Baiuca ás 22.30 horas na Quintana, nunha noite que promete converterse nun dos momentos máis destacados das festas do Apóstolo.
O promotor Vítor Belho salientou que o TradFest reivindica a cultura popular e de raíz, nunha xornada que se suma ao Día do Traxe e á Xornada do Folclore Galego. Pola súa banda, a concelleira Pilar Lueiro aproveitou a ocasión para avaliar positivamente o desenvolvemento das festas, que comezaron cun tempo adverso pero conseguiron mobilizar a veciñanza, especialmente na Festa Pícara ou co concerto do premiado Youssou N’Dour, que “fixo bailar unha Quintana a rebentar de xente durante case dúas horas”.