Reportaxe | Os mozos composteláns agora soñan con ser árbitros

Para poder pitar partidos é necesario realizar un curso de formación e permanecer estudando e adestrando temporada a temporada, máxime para subir de categoría e visitar máis campos de fútbol. En Galicia hai unha canteira potente, sobre todo en Santiago
Reportaxe | Os mozos composteláns agora soñan con ser árbitros
Árbitros antes dun partido

O fútbol esperta paixóns en millóns de persoas por todo o mundo. As competicións deportivas son seguidas de xeito multitudinario, ben sexa por televisión ou no propio estadio. Once xogadores reúnense nun campo para algo máis que darlle patadas a un balón: os seus movementos rematan por xerar unha forte unión entre futbolistas e público. Por algo é considerado o deporte rei

 

Porén, o fútbol é unha conxunción de diferentes actores que non se limitan aos que están en contacto directo coa pelota; todos igual de importantes.

 

Quizais unha das figuras máis presentes aínda que ás veces menos atendidas sexa a do árbitro. Por moito que a algún lle pese, o árbitro non está para importunar nin para prexudicar a ningún equipo. 

 

A do árbitro é unha profesión con décadas de traxectoria, pero oficializada como tal en Galicia no 1916. A finais dese ano a Real Federación Galega de Fútbol nomea aos primeiros, xa que antes eran os afeccionados os que levaban a cabo as súas funcións.

 

O primeiro colexio de árbitros da comunidade formouse no 1922, que hoxe se denomina Comité Técnico Galego de Árbitros de Fútbol. Unha grande e ben coidada configuración caracteriza o tecido organizativo desta profesión, que abrangue un total de sete delegacións (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e Ferrol) e cinco subdelegacións (Lalín, Boiro, Costa da Morte, Monforte de Lemos e A Mariña).

 

Arbitrosdelegacion
Delegación de árbitros en Santiago.

 

O delegado de Santiago é Carlos Otero Álvarez. Desempeña as súas funcións na sede compostelá que se ubica no estadio Verónica Boquete. Precisamente de aí sae unha competente canteira de árbitros que logo se espalla por diferentes campos da comunidade e do Estado. Nas instalacións do coliseo de San Lázaro impártense nestes meses de verán cursos formativos para eses mozos ávidos de adicar os seus esforzos ao oficio da arbitraxe.

 

Gardiáns da xustiza

 

Para Carlos Otero ser árbitro require dun forte compromiso. É o encargado de “impartir xustiza no campo, dalgún xeito actúa coma un notario”.

 

O árbitro é o encargado de impartir xustiza no campo, dalgún xeito actúa coma un notario

 

Para converterse en árbitro hai que percorrer un longo camiño que adoita comezar na xuventude. Para comezar, é fundamental atender ás clases de formación e ir aos adestramentos, garantes dun bo facer con posteridade no campo. “A esixencia é alta, física e teoricamente”, asegura Carlos. 

 

É posible comezar a formación arbitral xa con doce anos, e a marxe adoita estenderse ata os trinta, máis ou menos na etapa de maior actividade física das persoas. Os itinerarios formativos, que adoitan levarse a cabo nos meses de verán para que se poidan compatibilizar coa vida estudantil, constan de dúas xornadas semanais nas que se aprenden desde as funcións do árbitro, pasando polas regras do campo e ata a redacción de actas. Combínase a formación teórica con prácticas en partidos.

 

Sergio quintana
Primeiro partido de novos árbitros | CEDIDA

 

Porén, a instrución non remata aí xa que durante a temporada realízanse xuntanzas nas que se analizan partidos, se ven vídeos e se debaten as xogadas máis difíciles co gallo de mellorar as habilidades de cada árbitro.

 

Máis de 1000 árbitros

 

En toda Galicia hai arredor de entre 1200 e 1300 árbitros. Deles, 145 pertencen á delegación de Santiago. Estes divídense entre as diferentes categorías de fútbol que existen. 

 

Por suposto, a medida que se sube de categoría o número de árbitros vaise reducindo. Como explica Carlos Otero, “isto funciona coma un embude que se vai encollendo; conforme o nivel vai subindo menos árbitros ascenden”.

 

Isto funciona coma un embude que se vai encollendo; conforme o nivel vai subindo menos árbitros ascenden

 

Para lograr ascender é necesario seguir formándose e pasar unha serie de probas. Nos niveis máis baixos os árbitros arbitran en zonas moi delimitadas, pero a Preferente xa permite pitar en toda Galicia. A partir da Segunda Federación xa é necesario realizar cursos fóra de España, o que permite asimesmo traballar en todo o país. 

 

Na actualidade abundan os rapaces que xa con trece, catorce ou quince anos deciden estudar para árbitros: “isto antes era unha utopía, pero a chave é coidalos”, indica Carlos. O bo facer da delegación de Santiago ponse de manifesto no feito de que hai poucos que abandonen: “É raro que a xente marche descontenta, se o deixan é porque van estudar unha carreira fóra, por exemplo”.

 

É raro que a xente marche descontenta, se o deixan é porque van estudar unha carreira fóra, por exemplo

 

Tamén se comeza a observar unha tendencia crecente no número de mulleres ás que lles interesa arbitrar. En Santiago hai arredor de vinte. Carlos salienta o nivel que amosan e ve o futuro neste ámbito con perspectivas positivas: “Estase comezando, igual que o fútbol feminino empezou hai pouco a destacar. Pola nosa parte facemos todo o posible para que se integren con facilidade”.

 

Sergio Quintana, exemplo de vocación

 

Sergio Quintana (Santiago, 2004) comezou a arbitrar no 2021 mentres cursaba o primeiro ano de carreira. Sempre lle gustou o fútbol, e cando era pequeno adoitaba ir ver pitar ao seu padriño, que era árbitro veterano. 

 

Arbitropitando
Sergio Quintana | CEDIDA

 

Coa escusa de facer algo de deporte decide vincularse ao deporte que tanto o agradaba. Non o fai coma xogador -segundo el, “era muy malo”-, segue os pasos do seu padriño. Logo de facer o curso de arbitraxe comeza a facer as súas primeiras liñas de asistente, a pitar fútbol 8, as categorías infantís… ata hoxe, que logrou ascender a preferente.

 

En setembro comezará a súa cuarta temporada xa nesta nova categoría e co obxectivo de disfrutala ao máximo: “Mi experiencia arbitrando ha sido hasta el momento muy buena. Siempre hay baches en el camino, pero en pocas ocasiones”.

 

Para este mozo compostelán, que ademais estuda Educación Primaria e é saxofonista, a arbitraxe xa se converteu en parte esencial do seu día a día: “No lo veo como un trabajo, lo veo como un hobby. No me cuesta nada”.

 

Durante estes meses de verán atópase nun campamento en Valencia desempeñando funcións de profesor coma árbitro. Nun futuro espera seguir igual de ilusionado ca hoxe: “Yo me siento como si empezase ayer a arbitrar. No sería capaz de hacerlo en el momento en el que no disfrute de cualquier tipo de partido”.

Reportaxe | Os mozos composteláns agora soñan con ser árbitros

Te puede interesar