As guías turísticas 20xvinte debuxan novas e apaixonantes rutas por Compostela e a provincia da Coruña

A Finca Dos Lunas acolleu o xoves a presentación do proxecto ao que asistiron arredor de 200 convidados. Os itinerarios, recollidos por veciños dos espazos que se proxectan nas guías, prometen descubrir Galicia desde unha perspectiva única
As guías turísticas 20xvinte debuxan novas e apaixonantes rutas por Compostela e a provincia da Coruña
O equipo 20xvinte | Víctor Hugo

Dúas novas guías para coñecer as diferentes comarcas de A Coruña e explorar os recantos de Compostela. Ese é o agasallo que tiña preparado o proxecto 20xvinte e que supón unha constatación da súa aposta por amosar Galicia con paixón e de maneira auténtica.

 

Lonxe dos típicos folletos que anuncian destinos turísticos, as guías 20xvinte distínguense por teren un enfoque único e persoal: cada recuncho está presentado por homes e mulleres anónimos locais, o que permite coñecer os espazos de primeira man e desde os ollos de quen os habita. 

 

Mónica Seoane Castromil, a cabeza detrás desta idea, define as súas guías como as “máis riquiñas de Galicia”. Así se demostrou na presentación que o pasado xoves tivo lugar na Finca Dos Lunas, en Santiago de Compostela, un evento cargado de ledicia e humor ao que asistiron 200 convidados dos ámbitos institucional, turístico e social de Galicia.

 

20xvinte rapazas (2)
Mónica, á dereita, xunto ás súas amigas e colaboradoras Lita e Belén | Víctor Hugo

 

20xvinte no evento
Vloggers de viaxes na presentación das guías | Víctor Hugo

 

Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística e Carmen Pita, directora de Promoción de Turismo de Galicia, foron algunhas das caras visibles da cita. Ademais, tamén estiveron presentes alcaldes e concelleiros de diferentes concellos, vloggers de viaxes e os embaixadores, anunciantes, distribuidores, amigos e colaboradores das guías. Participaron de xeito desinteresado, asemade, Galicia Calidade e Méndez Rojo.

 

20xvinte evento
Asistentes ao acto na Finca dos Lunas | Xaime Cortizo

 

Estas novas guías supoñen as edicións 16 e 17 da traxectoria de 20xvinte, que comezou a súa andaina no ano 2019. Promovida por Turismo da Deputación da Coruña, a primeira presenta a 20 produtores que fan un percorrido polos seus emprazamentos favoritos, ubicados en diversas comarcas da provincia.

 

Do Pico Sacro en Boqueixón ás Fragas do Eume, pasando polo Refuxio de Verdes na Costa da Morte e o Pazo de Mariñán en Bergondo, son algúns dos espazos que contan cunha páxina propia nesta guía que leva por nome A paisaxe que sabe. Os produtores locais, artífices da nosa extraordinaria gastronomía, presentan esas paraxes dos que máis gozan.

 

A segunda guía é unha novidade xa que non se limita a ofrecer as habituais 20 recomendacións, senón que funciona coma un recompilatorio con 31 suxestións para explorar Compostela e lugares próximos “desde a alma de quenes a viven, desfrutan e senten”. Mónica, directora das guías e veciña de Santiago, referiu que aínda hoxe segue a descubrir historias novas sobre a cidade e esa paixón por dalas a coñecer é a que define a 20xvinte.

 

Nesta guía o lector non só vai atopar enclaves máxicos como Selva Negra, a Ruela de Xerusalén ou o río Sarela, senón que se mergullará na natureza de concellos próximos coma Oroso, Ames ou a comarca do Barbanza. Ademais, un capítulo está dedicado á historia padronesa: os seus pementos, a súa vertente literaria e o seu vencello co Camiño.

 

Guíacompostela
Un dos espazos que se amosan na guía de Compostela

 

Máis dun lustro despois de pór en marcha o seu ilusionante proxecto, Mónica Seoane Castromil segue coas mesmas ganas de sempre. Foi aos seus 23 anos cando comezou a xermolar a semente que hoxe se materializa nas guías 20xvinte. Nese tempo realizou un interraíl que anos máis tarde quixo repetir. Con todo, non a atraía a idea de percorrer de novo lugares tan inabarcables coma Roma sen ter una folla de ruta que a orientase.

 

Ela mesma solventou esa necesidade, que primeiro aplicou en Compostela e hoxe abarca multitude de destinos que percorren ampla parte da xeografía galega.

 

Guíacoruña
Páxina de A paisaxe que sabe, a guía de A Coruña

 

 

As guías repártense en establecementos hostaleiros elixidos con criterio. Esta selección dos puntos de distribución busca conectar as guías cun público que aprecie as experiencias auténticas e de calidade. A de Compostela contará cunha tirada de 10.000 exemplares, mentres a da Coruña terá 2.200. Por outro lado, imprimirán 40.000 tarxetas cun código QR para poder acceder ás guías e descargalas en formato dixital. Estas e as anteriores edicións son accesibles dixital desde a páxina web de 20xvinte.

 

Para os fies seguidores das guías de 20xvinte e os que están por vir, estean atentos, porque a guía da Coruña, promovida por Turismo da Deputación da Coruña, terá unha segunda parte, desta volta protagonizada por 20 restauradores. Verá a luz previsiblemente en novembro deste ano. Para os máis impacientes, antes, en setembro, haberá unha nova entrega das guías, mais o seu contido aínda está por descubrir. 

As guías turísticas 20xvinte debuxan novas e apaixonantes rutas por Compostela e a provincia da Coruña

Te puede interesar