O Concello de Teo celebrou onte o día grande das festas de San Martiño coa súa tradicional Feira do Gando Cabalar. Desde cedo, numerosos visitantes reuníronse na cita anual, que este curso incluíu novidades co obxectivo de homenaxear aos profesionais que manteñen vivas a tradición que xira en torno ao mundo do cabalo.
A organización do evento entregou premios ao tratante máis veterano, ao máis novo, ao que presentou o maior número de cabezas de gando e a quen achegou a maior diversidade de razas equinas. Ademais, agasallouse a todas as persoas que asistiron á feira a cabalo; un xesto de recoñecemento a esta valiosa tradición centenaria.
Con todo, a xornada non se limitou ao comercio de gando. Ao longo do día, un mercado tradicional e outro de artesanía ofreceron produtos locais, con demostracións en directo que permitiron ao público local e ao turista coñecer os procesos de elaboración.
Para os amantes da gastronomía galega, a feira incluíu catas de produtos de alta calidade. Mediante inscrición previa, os participantes puideron degustar os catro queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida, Mel de Galicia, augardentes e licores tradicionais, maridados con produtos de Artesanía Alimentaria e viños das subzonas da DO Rías Baixas. A actividade foi amplamente acollida polo público, que tivo a oportunidade de coñecer en profundidade os sabores locais.
Por outra banda, a xornada contou cunha ampla oferta de entretemento para todas as idades, especialmente para os máis pequenos, que gozaron das funcións de "A Barraca de Barriga Verde" pola mañá e pola tarde. Ademais, "O Cego na feira" e a Charanga Calo animaron o evento con música en vivo, acompañando o bulicio da feira ao longo de todo o día.
A Feira do Gando Cabalar destacou unha vez máis como un evento esencial para a promoción da cultura e a gastronomía galega, demostrando a relevancia dunha tradición que segue atraendo persoas de toda a rexión e que enriquece o patrimonio cultural de Galicia.