Así conmemora a Universidade de Santiago o 8M

Así conmemora a Universidade de Santiago o 8M
Investigadoras da USC. Foto de Santi Alvite

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) conmemora o Día Internacional das Mulleres este luns 10 de marzo cun acto institucional nos seus campus de Santiago e Lugo. A cerimonia central terá lugar ás 12:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, onde se dará lectura ao manifesto oficial da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIXEU), que un ano máis reivindica o compromiso das universidades coa igualdade de dereitos, o empoderamento feminino e a ampliación de oportunidades.

 

O manifesto destaca o papel clave da mocidade no avance cara á igualdade real: "A mocidade será protagonista dos cambios necesarios para alcanzar unha igualdade efectiva; e as universidades debemos ter un papel moi activo no devandito cambio", subliña o texto.

 

Recoñecemento a Encina Calvo e a 'Unha enxeñeira ou científica en cada cole'

O acto servirá tamén para recoñecer a traxectoria da profesora Encina Calvo Iglesias, da Área de Física Aplicada da USC, e o seu papel na coordinación do proxecto "Unha enxeñeira ou científica en cada cole", unha iniciativa que busca fomentar vocacións científicas entre as rapazas no ámbito CTEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).

 

A homenaxe incluirá a entrega dunha placa con Mención Honorífica á profesora Calvo, que pronunciará a conferencia "Dez edicións do programa para promover as vocacións femininas no ámbito CTEM".

 

Un acto institucional con voces clave da igualdade

A cerimonia estará presidida pola delegada do reitor para a Igualdade, Sonia Esperanza Rodríguez Boente, encargada de ler o manifesto da RUIXEU. Acompañarana a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana Pérez, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que intervirán para reforzar o compromiso das institucións co avance na igualdade de xénero.

 

O evento poderá seguirse en directo a través da canle de YouTube da USC: https://www.youtube.com/live/ZDV6Y4n_8as.

Así conmemora a Universidade de Santiago o 8M

Te puede interesar