A Praza de Praterías converteuse na tarde deste martes nun escenario para o encontro, a cultura e a reivindicación da diversidade vital, grazas a unha actividade organizada por ATEGAL (Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Persoas Adultas). Varios grupos corais composteláns —entre eles as corais José Saramago e Habaneras Rocha Forte— encheron o espazo de música co obxectivo de visibilizar o papel activo das persoas maiores na vida cultural da cidade.
A actividade, aberta ao público, foi unha mostra máis da aposta de Ategal por derrubar prexuízos sobre a idade e poñer en valor as capacidades e intereses do colectivo sénior, ao tempo que se fomentan os vínculos sociais e se combate o illamento.
Ese mesmo día pola mañá, as Aulas Sénior de Santiago acolleron o II Encontro Interxeracional entre alumnado de Ategal e estudantes de 2º da ESO do colexio La Salle. Cativos e maiores compartiron sesións de memoria, creación de imaxes con intelixencia artificial, actividade física e pintura, nun ambiente de aprendizaxe mutua e colaboración.
“Eles poden aprender da nosa experiencia e dos nosos coñecementos, pero nós tamén aprendemos con eles”, explicou unha das participantes sénior, nunha valoración que compartiron tamén os escolares, quen remataron a xornada destacando a riqueza da experiencia.
Con sedes en Santiago, A Coruña, Ferrol, Ourense e Vigo, ademais de centros vinculados en Lalín e Padrón, Ategal organiza cada ano ducias de actividades formativas, culturais e de benestar a través dos seus programas Aulas Sénior e Actitude +55.
Só na capital galega, durante 2024 promoveu 87 actividades distintas, entre elas obradoiros artísticos, charlas, cinefórums, formación en tecnoloxías e encontros interxeracionais como o de onte, que evidencian que a idade nunca é un límite para seguir aprendendo, creando e compartindo.