Beatriz Cancela: “Oxalá as partituras dos arquivos volvesen soar”

Esta compostelá, docente e investigadora, ten unha ampla bagaxe no panorama cultural e musical da cidade. Especialmente interesada na relación entre o mundo académico e o popular, cre que o traballo teórico debe tecer lazos coa práctica profesional
Beatriz Cancela: “Oxalá as partituras dos arquivos volvesen soar”
Beatriz Cancela

É ben coñecida a riqueza musical que caracteriza a cidade de Santiago de Compostela. A banda municipal de música, a Real Filharmonía, o coro da Catedral ou a infinidade de grupos locais que abarcan diferentes estilos, desde o rock ata o swing, compoñen un enramado que fai encher de melodías cada recuncho.

 

Chegar ata este punto levou anos, ou máis ben séculos. Santiago ten un amplo percorrido no que se refire ao desenvolvemento dunha cultura musical ben instaurada, vencellada especialmente a agrupacións e músicos que deixaron pegada nos seus sucesores.

 

Non é o máis habitual, quizais, parar a pensar na parte máis teórica da música, na súa historia e evolución, nos seus factores menos deleitables. Por iso é unha sorte que haxa persoas dedicadas precisamente a iso, a rebuscar nas orixes e nos planos abstractos. 

 

A musicoloxía é a ciencia que abarca o estudo teórico neste campo. Un profesional da área estuda desde análise ata historia da música, entra na área da etnomusicoloxía e mergúllase en tanto en pezas populares coma urbanas. Aínda que en Compostela non é posible cursar esta titulación, que hoxe se considera un grao universitario, hai quen aproveita os seus coñecementos na materia, adquiridos noutras localidades, para aplicalos á nosa cidade.

 

É o caso de Beatriz Cancela Montes (Santiago, 1981), que logrou a licenciatura de musicóloga (Historia e Ciencias da Música) na Universidade de Oviedo e tamén se diplomou en Educación Musical na USC. O máis curioso desta compostelá é que a súa vida profesional xira en torno á docencia nun instituto, pero segue a sacar tempo para estudar o tecido cultural santiagués.

 

Beatriz Cancela
Beatriz Cancela | CEDIDA

 

Na Universidade de Oviedo fixo a súa primeira aproximación ao mundo da investigación arredor da figura de Santiago Tafall, un músico e musicólogo compostelán, así coma mestre de capela da catedral de Santiago que foi inmensamente relevante na escena cultural de Galicia a finais do século XIX e principios do XX.

 

A decisión de optar por este persoeiro foi casual e tomouna logo de barallar múltiples temas e descubrir a súa existencia. Este traballo derivou, así mesmo, na publicación do libro ‘Santiago Tafall, un músico compostelano en los albores del galleguismo’, que lle valeu o I Premio de Ensaio Histórico Domingo Fontán da Real Sociedade Económica de Amigos do País e a USC.

 

A Cancela interésalle “a relación entre o mundo académico e popular”. Explica que sobre Santiago, por sorte, hai moitos estudos sobre a música, pero que a maioría das veces “concéntranse na música relixiosa ou en músicos máis singulares, coma Manuel Quiroga ou Andrés Gaos. Pero buscando ves que hai máis”. No caso de Tafall, foi un “recolector de música tradicional”, de aí o interese na súa figura.

 

En Santiago hai moitos estudos sobre música, pero as máis das veces concéntranse na música relixiosa ou en músicos máis singulares. Buscando ves que hai máis

 

Este ir saltando de tema en tema na busca dun que lle chamase a atención levou á musicóloga a poñer o ollo na banda municipal de música: “É o elemento que pon en relación a música académica con outra parte máis popular e afeccionada”, sinala.

 

A banda de música é o elemento que pon en relación a música académica con outra parte máis popular e afeccionada

 

‘La banda municipal de música de Santiago de Compostela (1848-2015)’ constituíu a súa tese de doutoramento, un estudo de máis de catrocentas páxinas sobre a historia dunha agrupación que aínda hoxe segue a ser referente na cidade.

 

“O proceso de traballo foi abrumador desde o principio porque abarcar tantos anos de banda é complexo, pero a medida que fun investigando atrapoume. O tema podería dar máis de si se seguimos indagando”, asegura Beatriz. 

 

Da súa tese puido poñer en valor, por exemplo, o traballo dos hospicios na formación de músicos, especificamente o de Santiago, pois foi aí onde naceu a agrupación. Os mestres eran músicos da Catedral, grandes referentes no eido.

 

Hoxe está en boga o campo de estudo de bandas e orfeóns. Ela mesma vén de presentar un libro sobre a banda infantil da Baña, onde ela comezou tocando o fiscorno, co interese de achegar un pouco máis ao coñecemento das bandas de Galicia desde un plano máis emotivo.

 

Santiago, emblema da mellor música

 

Ademais de Santiago Tafall, Cancela tamén estudou a familia Courtier, catro persoas que remaron en aras da modernización e a popularización da música da súa época. Elaborou en colaboración co seu irmán, tamén musicólogo, o volume ‘La saga Courtier en Galicia’, o cal constituíu “un traballo moi bonito porque nos fixo movernos por toda Galicia”. Nesta investigación os autores conseguiron entrever como funcionaba a cidade e trasladarse a imaxinar o seu contexto musical: “O que máis me encantou foi adentrarme en establecementos e puntos da cidade que trasladaban a variedade que había”.

 

Santiago ten unha grande riqueza. Moitísimos locais ofrecían música, e hai parte deles dos que nunca o saberemos porque non rexistraban as súas actuacións”, explica Cancela. “Queda moito por facer en toda Galicia. Isto que pasa en Santiago, a enorme heteroxeneidade de músicas, tamén acontecería en cidades coma Lugo ou Ourense. O seu estudo seguramente daría moitas sorpresas e axudaría a entender o panorama musical”, indica Beatriz, que bota en falta traballos que enriquezan este campo de estudo.

 

O que pasa en Santiago, a heteroxeneidade de música, tamén acontecería en Lugo ou Ourense. O seu estudo seguramente daría moitas sorpresas e axudaría a entender o panorama musical

 

É por iso que se fai máis urxente ca nunca a colaboración entre profesionais para aumentar o coñecemento sobre a historia da música galega. E tamén para difundilo entre a poboación. Para Cancela, é fundamental “intercambiar coñecementos entre diferentes ámbitos, entre o académico e o profesional, e non concentrarse só nun campo porque ao final está todo en interacción”. Ela e seu irmán levaron a cabo unha colaboración con ACentral Folque, o centro galego de música popular, para difundir e preservar o jazz compostelán a nivel local.

 

Cre ferventemente que a parte histórica e a teoría deben levarse á práctica: “Boto en falta a interacción coa música práctica. O tándem xenial sería que as partituras dos arquivos volvesen a soar”, asegura. Para iso, terían que animarse as agrupacións, os conservatorios e outros intérpretes con ganas de recrear os ambientes nos que se executaba esa música.

 

Houbo un intento hai anos, o proxecto Descubrindo as nosas músicas, pero foi complicado mantelo: “Chamamos a moitas portas, fixemos cousas, houbo sitios que nos acolleron e soaron partituras, pero falta traballo. Hoxe é moi necesario facer colaboracións. Creo que a investigación ten que saír mais do ámbito específico da universidade e dos congresos, debe ser máis para todos”.

Beatriz Cancela: “Oxalá as partituras dos arquivos volvesen soar”

Te puede interesar