Boqueixón revive a súa memoria histórica coa recreación da Batalla de Ponte Ledesma

Centos de persoas participaron nun acto que lembrou a loita da veciñanza contra as tropas napoleónicas en 1809
Boqueixón revive a súa memoria histórica coa recreación da Batalla de Ponte Ledesma
O campo do río de Ponte Ledesma foi o escenario escollido para esta representación, que contou, como vén sendo habitual, coa dirección do actor Suso Martínez e do músico Manoele de Felisa

O Concello de Boqueixón volveu celebrar este domingo un dos eventos culturais máis emblemáticos do seu calendario anual: a recreación da Batalla de Ponte Ledesma, un episodio histórico que remonta ao mes de marzo de 1809, en plena invasión napoleónica, cando a veciñanza da comarca, liderada pola Xunta de Trasdeza, plantou cara ao exército francés.

 

 

O campo do río de Ponte Ledesma foi o escenario escollido para esta representación, que contou, como vén sendo habitual, coa dirección do actor Suso Martínez e do músico Manoele de Felisa, encargados de relatar ao público os detalles dun enfrontamento que se gravou na memoria colectiva da zona.

 

Unha loita heroica sen armas

Segundo lembraron os condutores do acto, nenos, vellos e enfermos foron os únicos que quedaron nas casas, mentres o resto da poboación se unía para defender o seu territorio. Sen armamento militar, utilizaron o que tiñan á man: sachos, fouces, gadañas, paus ou pedras, logrando un feito insólito: derrotar ao que daquela era considerado o exército máis poderoso do mundo.

 

Veciños e veciñas de Boqueixón participaron activamente na representación, que combinou teatro, música e memoria para render homenaxe ao valor popular e manter vivo o espírito de resistencia que marcou aquel episodio da historia galega.

 

Agradecemento institucional

O concelleiro de Turismo de Boqueixón, José Luís Mareque, quixo destacar o traballo conxunto da Consellería de Cultura, do tecido veciñal de Ponte Ledesma e do equipo artístico encabezado por Martínez e De Felisa, subliñando que “eventos como este serven para construír identidade e recoñecer a forza do pobo na defensa do seu territorio”.

 

A recreación da Batalla de Ponte Ledesma consolídase así como un acto de reivindicación cultural e histórica, que cada ano congrega a máis asistentes e reafirma a importancia da memoria compartida en tempos de incerteza.

Boqueixón revive a súa memoria histórica coa recreación da Batalla de Ponte Ledesma

Te puede interesar