A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, anunciou este martes a adxudicación do novo contrato para a Casa das Mulleres Xohana Torres, que permitirá ampliar a súa atención a un horario continuado de 9:00 a 19:00 horas de luns a venres, así como poñer en marcha un Servizo de Asesoramento LGBTI+. O obxectivo é consolidar este espazo como un referente en igualdade, con programación estable e atención integral para mulleres e colectivos LGBTIQ+.
A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do servizo á empresa DELOGA (Desenvolvemento Local Galego) por un importe de 142.230 euros e unha duración de dous anos. Ata o de agora, a atención presencial na Casa Xohana Torres limitábase a dous días ao mes, pero coa nova xestión haberá unha cobertura diaria combinando atención presencial e remota, tanto por teléfono como por correo electrónico.
“Culminamos así un proceso de licitación que permitirá que a Casa Xohana Torres conte cunha programación estable e unha atención regular, converténdoa nun equipamento esencial na área de igualdade do concello”, explicou Goretti Sanmartín.
Unha das grandes incorporacións é a posta en marcha dun Servizo de Asesoramento LGBTI+, que ofrecerá acompañamento e orientación en materia de identidade de xénero, diversidade sexual e dereitos LGBTI. Para iso, o equipo incluirá atención psicolóxica e xurídica especializada, garantindo unha resposta integral ás persoas que acudan ao centro.
A programación da Casa tamén se reforzará con actividades enfocadas á prevención da violencia machista, educación e saúde sexual, interseccionalidade e antirracismo, saúde mental e autocuidados. “Queremos unha programación ambiciosa e adaptada ás necesidades reais da cidadanía”, destacou a alcaldesa.
Para levar a cabo esta nova etapa, a Casa Xohana Torres contará cun equipo de seis profesionais especializados en políticas de igualdade:
Todos os perfís deberán contar con formación específica en igualdade, asegurando así un enfoque profesional e especializado no traballo de acompañamento, asesoramento e intervención comunitaria.
Coas novas melloras, a Casa das Mulleres Xohana Torres consolídase como un punto clave para o movemento feminista e LGBTI en Santiago, ofrecendo servizos esenciais para o avance en igualdade e a defensa dos dereitos de todas as persoas.