Cela, feminista en 1962: unha exposición en Santiago recupera os seus vínculos con creadoras

Cela, feminista en 1962: unha exposición en Santiago recupera os seus vínculos con creadoras
A mostra reúne por vez primeira preto de cen pezas entre cartas, libros, fotografías e obras de arte, e poderá visitarse ata o 4 de xullo no Claustro Alto do Colexio de Fonseca

O Claustro Alto do Colexio de Fonseca acolle desde este venres 6 de xuño a exposición «Me proclamo feminista. A relación de Cela coas escritoras e artistas do seu tempo», un percorrido inédito pola vinculación do Nobel galego coas mulleres creadoras da súa xeración. A mostra poderá visitarse ata o 4 de xullo, de luns a venres, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

 

A exposición parte dunha frase pronunciada por Camilo José Cela nunha entrevista en 1962 no diario Arriba: “Me proclamo feminista y me gustaría verlas sublevadas”, en referencia ás escritoras contemporáneas. A partir desta declaración, a mostra reconstrúe o contacto epistolar e profesional que mantivo o autor con figuras femininas destacadas da literatura, a arte e o espectáculo.

 

 

Cartas, libros e arte inédita

Comisariada por Lourdes Regueiro e Iván Rodríguez, a mostra reúne preto de cen pezas que se exhiben por primeira vez conxuntamente. Destacan cartas manuscritas, libros dedicados, fotografías e obras plásticas que amosan o vínculo de Cela con creadoras como Rosa Chacel, María Zambrano, Mª Teresa León, Concha Méndez ou Ernestina de Champourcín, moitas delas vinculadas á xeración das Sinsombreiro e colaboradoras na revista Papeles de Son Armadans.

 

Tamén están presentes autoras galegas como Mª Xosé Queizán, Luz Pozo Garza, Úrsula Heinze ou Pura Vázquez, que mantiveron contacto con Cela ao longo das súas traxectorias. No campo das artes plásticas, destacan obras de Mª Antonia Dans, Menchu Lamas ou María Roësset Mosquera, parte da pinacoteca celiana conservada pola Fundación Pública Camilo José Cela.

 

 

Un mapa de relacións femininas na vida de Cela

A exposición amplía o foco máis alá da literatura para incluír a cantantes, actrices, cineastas e artistas escénicas que deixaron pegada na vida de Cela, como Sara Montiel, Imperio Argentina, Irene Gutiérrez Caba, María Asquerino ou La Chunga, mediante cartas, homenaxes ou retratos.

 

O acto inaugural contou coa participación da vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias Fernández; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e presidente da Fundación Pública Camilo José Cela, José López Campos; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo Suárez; e a directora da Fundación, Covadonga Rodríguez del Corral, xunto coas persoas comisarias.

 

Exposicion camilo jose cela 01 (1)
 

Cela, feminista en 1962: unha exposición en Santiago recupera os seus vínculos con creadoras

Te puede interesar